Rematan as obras das novas piscinas exteriores da Madalena

TerraChaXa
A alcaldesa e o concelleiro de Infraestruturas Urbanas acudiron á recepción da obra e supervisaron as últimas actuacións co obxectivo de abrir as instalacións na maior brevidade.
obras piscina vilalba 2
8 Maio 2024

A alcaldesa e o concelleiro de Infraestruturas Urbanas acudiron á recepción da obra e supervisaron as últimas actuacións co obxectivo de abrir as instalacións na maior brevidade.

A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, e o Concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Luís Fernández, acudiron esta mañá á recepción da obra de construción das novas piscinas exteriores da Madalena co que se dan por finalizadas as actuacións de levantamento e acondicionamento do mesmo.

Desta forma, o goberno local traballa xa na posta a punto das novas piscinas municipais co obxectivo de poder abrilas durante o comezo do verán e para que desta forma "todos e todas poidamos facer uso dunhas instalacións pensadas para o desfrute do tempo de ocio, do verán e do bo tempo" sinalou a rexedora, Marta Rouco.

Así pois, a obra final inclúe tres piscinas: unha infantil de 0,45 metros de profundidade, unha de natación para uso deportivo de 1,55 metros de profundidade máxima e outra recreativa cunha profundidade de 1,20 metros.

No caso do vaso infantil, este conta ademais con surtidores de auga para potenciar e estimular os xogos nesa área.

Ademais, as instalacións tamén contan cun edificio de servizos que se atopa semisoterrado nunha das ladeiras do espazo e no cal se integran os vestiarios, os aseos, a sala de socorrismo, un almacén e unha zona para recepción.

"A intención é que a transición dende a contorna da praia fluvial ao espazo propio das instalacións recreativas se conciba como un lugar único, integradas ámbalas dúas zonas nunha soa" sinalou o Concelleiro de Infraestruturas, Luis Fernández, quen ademais salientou "a separación existente entre as propias piscinas e as instalacións de uso para os usuarios e usuarios da praia fluvial, que contarán con aseos e vestiarios á súa disposición de acceso totalmente libre".

Pola súa banda, na zona sur, a parte arborada servirá como límite natural e como espazo de descanso de pavimento vexetal con zonas de sol e sombra, complementando os espazos de solarium que se dispuxeron xunto ás piscinas.

Finalmente, a alcaldesa, Marta Rouco, quixo destacar a importancia destas novas instalacións coas que "a veciñanza e os visitantes poderán gozar dunha nova oferta recreativa que ten como obxectivo ofrecerlle unha nova vida á contorna do río á vez que se dá resposta ás necesidades e gustos de todas as xeracións".

0.18404793739319