Rematan as obras de ampliación e mellora de dúas pontes en Riotorto

O Concello de Riotorto vén de rematar as obras de ensanchamento e mellora da seguridade en dúas pontes de vías municipais, unha actuación destinada a garantir o correcto tránsito de vehículos e incrementar a seguridade nestas infraestruturas.
Os traballos realizáronse no marco do proxecto de ampliación e acondicionamento de dúas pontes situadas, por unha banda, no lugar da Ferrería de Abaixo, na parroquia de Santa Marta de Meilán, e, pola outra, no lugar de Carboeiro, na parroquia de San Pedro de Riotorto. Ambas estruturas permitían salvar cursos fluviais e presentaban limitacións importantes para a circulación.
Antes da intervención, as dúas pontes atopábanse nun estado de conservación deficiente e cun ancho reducido —de arredor de tres metros nun caso e de 2,70 metros no outro—, insuficiente para os requirimentos actuais do tráfico. Ademais, carecían de elementos de protección lateral, o que supuña un risco para a seguridade viaria.
A actuación permitiu mellorar tanto o ancho das infraestruturas como as condicións de seguridade, ao tempo que se acondicionou o entorno máis inmediato, contribuíndo a unha mellor integración coas vías municipais, recentemente pavimentadas.
A obra foi adxudicada pola Xunta de Goberno Local á empresa Aglonorte Sostible S.L., que presentou a mellor oferta económica nun proceso no que tamén participaron outras dúas firmas do sector. O importe final da actuación ascendeu a 30.631,15 euros, IVE incluído.
Con esta intervención, o Concello de Riotorto dá resposta a unha necesidade existente na rede viaria municipal, reforzando a seguridade e facilitando a mobilidade da veciñanza nas zonas rurais.