Rematan as obras de asfaltado no cruzamento do Santo, en Vilalba
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de investir 103.000 euros nas obras de mellora do firme do cruzamento do Santo, en Vilalba, no que conflúe a travesía da LU-120 con outras dúas estradas autonómicas: a LU-111 cara Cospeito e a LU-121 en dirección Moncelos (Abadín).
Os traballos incluíron a realización de fresados e a posterior reposición do pavimento con mestura bituminosa en quente nos catro ramais da intersección.
Tamén se renovou a sinalización horizontal co fin de que as marcas viarias sexan máis visibles para os condutores e pintouse a barreira de formigón que separa a estrada das beirarrúas.
Leváronse a cabo nos últimos anos diversas actuacións para mellorar a seguridade do tráfico nesta área. Como traballos máis salientables, ademais de rehabilitar o firme construíronse pasos de peóns elevados para reducir a velocidade dos vehículos.