Rematan as obras de mellora do firme na estrada de Abadín a Moncelos

TerraChaXa
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, destacou hoxe o investimento de 2,5 M€ na mellora do firme na estrada LU-113 en Abadín, coa que veciños e usuarios gañan en seguridade e comodidade nos seus desprazamentos.
16 Xan 2023

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, destacou hoxe o investimento de 2,5 M€ na mellora do firme na estrada LU-113 en Abadín, coa que veciños e usuarios gañan en seguridade e comodidade nos seus desprazamentos.

Vázquez Mourelle, xunto co delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, supervisou hoxe o resultado das actuacións no treito entre Moncelos e Abadín, en case 7,8 km desta estrada, desde o enlace coa estrada autonómica LU-121 (quilómetro 22+800) ata o remate da vía na conexión coa autovía do Cantábrico (no punto 30+600).

A titular de Infraestruturas e Mobilidade explicou que se trata dunha actuación demandada e moi necesaria para o reforzo da seguridade viaria e que se centrou na reparación dos danos do firme e no aumento da súa capacidade estrutural. Deste xeito, indicou, adáptase a vía para ofrecer as mellores condicións de circulación aos 2.500 vehículos que a percorren de media cada día.

Ethel Vázquez lembrou que esta actuación que foi licitada en maio e iniciada a comezos de agosto está xa rematada, polo que destacou o bo ritmo dos traballos, que permitiu acurtar o prazo de execución das obras e poñer ao servizo dos condutores esta mellora da seguridade viaria e da mobilidade.

Nesta intervención leváronse a cabo reforzos de firme nas zonas onde era necesario, de forma superficial ou máis profunda, dependendo do deterioro, e estendeuse despois unha nova capa de rodaxe en toda a lonxitude do treito de actuación.

Deste xeito, realizáronse fresados e saneos localizados naquelas zonas da vía deformadas ou que presentaban xa un esgotamento estrutural do firme; e procedeuse o recrecido do firme a calzada completa en todo o ancho da plataforma e na totalidade do treito da actuación. Tamén se mellorou a drenaxe, coa execución de cuneta de seguridade revestida en formigón, con tubo para evitar filtracións á explanada; ademais de actuacións complementarias como sinalización, tacos de resalto ou captafaros.

Ethel Vázquez apuntou que o obxectivo de todas estas intervencións é mellorar as prestacións da estrada e reforzar a seguridade en beneficio dos usuarios que cada día circulan por esta vía, beneficiando, especialmente, aos veciños de Abadín, pero tamén aos de Castro de Rei, Mondoñedo ou Cospeito.

Tal e como remarcou a conselleira, estas obras, relativamente sinxelas, son importantes en canto a obxectivos e investimento: cunha achega da Xunta de 2,5 M€ nunha actuación coa que tamén se asegura a durabilidade da vía, corrixindo fisuras, deterioros ou blandóns que claramente indicaban xa o esgotamento e o fin da vida útil do firme.

Incidiu en que esta actuación era prioritaria para a Xunta por razóns de seguridade e tamén por motivos económicos, xa que todo gasto a tempo na mellora do firme e na conservación tradúcese en aforro para administracións e cidadáns.

A titular de Infraestruturas e Mobilidade puxo en valor o traballo que vén facendo o departamento que dirixe nos máis de 5.500 km de estradas de titularidade autonómica, ás que en 2023 se destinarán 50 M€ á súa conservación e mellora, mantendo o Plan de reforzo de firmes para que as vías da Xunta estean en perfectas condicións.

A este respecto, Ethel Vázquez, expresou a importancia de ver esta mesma disposición e investimentos por parte do Goberno de España, lamentando que moitas estradas de titularidade estatal presentan graves deterioros que requiren de actuacións integrais urxentes para garantir desprazamentos seguros e cómodos aos usuarios. Na provincia de Lugo, puxo de exemplo as estradas N-120 ou a N-540, ademais da A-6, sobre as que cada día hai queixas dos usuarios, lembrou.

0.19448399543762