Rematan as obras de mellora do pavillón polideportivo de Bretoña cun investimento de 45.000 euros

TerraChaXa
Nesta segunda fase levouse a cabo o arranxo integral dos vestiarios, así como a substitución da iluminación existente por novos focos LED
melloras-pavillon-bretona-pastoriza
10 Nov 2026

O Concello da Pastoriza vén de rematar a segunda fase das obras de mellora e acondicionamento do pavillón polideportivo de Bretoña, unha actuación que contou cun investimento de 45.000 euros e que permitirá ofrecer unhas instalacións máis modernas, funcionais e eficientes á veciñanza.

Nesta segunda fase levouse a cabo o arranxo integral dos vestiarios, así como a substitución da iluminación existente por novos focos LED, máis eficientes e sostibles, que contribuirán a mellorar as condicións de uso do recinto e reducir o consumo enerxético.

Os traballos completáronse co pintado das liñas da pista deportiva correspondentes ás modalidades de fútbol sala, baloncesto e tenis, renovando así a sinalización necesaria para a práctica destas disciplinas.

Esta intervención dá continuidade ás actuacións de acondicionamento realizadas no pavillón e responde ás necesidades trasladadas pola veciñanza, a comunidade educativa e os usuarios habituais das instalacións.

Desde o Concello destacan que estas melloras permitirán optimizar o uso do pavillón por parte dos clubs deportivos, asociacións e veciñanza, ao tempo que se reforza o compromiso municipal coa conservación e modernización dos equipamentos deportivos.

Con esta actuación, o Goberno local "continúa avanzando na mellora das infraestruturas municipais e na dotación de servizos que contribúan a favorecer a práctica deportiva e a calidade de vida no rural".

0.19407296180725