Rematan as obras de mellora enerxética no polideportiva da Magdalena pontés

TerraChaXa
Os traballos centráronse na renovación integral das fachadas do volume principal, que presentaban humidades, manchas, deterioro da fábrica exterior e ausencia de illamento térmico
polideportivo-magdalena-as-pontes
29 Jun 2026

O Concello das Pontes vén de finalizar as obras de rehabilitación enerxética do Polideportivo da Magdalena, unha actuación que supuxo un investimento de 149.911,99 euros, financiado pola Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes e o Concello das Pontes.

A intervención permitiu modernizar esta instalación deportiva, construída entre finais dos anos 80 e comezos dos 90, mellorando a súa eficiencia enerxética, o confort interior e a funcionalidade do edificio, ao tempo que se deron resposta ás principais deficiencias detectadas na súa envolvente e nas súas instalacións.

Os traballos centráronse na renovación integral das fachadas do volume principal, que presentaban humidades, manchas, deterioro da fábrica exterior e ausencia de illamento térmico. Para corrixir estas deficiencias rehabilitouse completamente a envolvente do edificio, incorporando un novo sistema de illamento térmico polo exterior e substituíndo a chapa existente na parte superior da fachada, mellorando así o comportamento térmico do pavillón, evitando filtracións e renovando a súa imaxe exterior.

A actuación incluíu tamén a reposición dos canalóns e baixantes afectados, garantindo unha correcta recollida e evacuación das augas pluviais.

No interior do pavillón renovouse por completo o sistema de iluminación, substituíndo as antigas luminarias de vapor de mercurio por tecnoloxía LED de alta eficiencia. Ademais, instalouse un sistema intelixente de control do acendido e da intensidade luminosa que permite adaptar a iluminación ás necesidades reais de cada actividade deportiva, reducindo o consumo eléctrico e mellorando a calidade da iluminación.

Outro dos aspectos destacados da actuación foi a renovación do sistema de produción de auga quente sanitaria mediante a instalación de equipos de aerotermia en substitución dos acumuladores eléctricos existentes. Este novo sistema aproveita a enerxía do aire para producir auga quente cun menor consumo eléctrico, contribuíndo á redución das emisións e ao aforro enerxético.

O goberno municipal destaca que esta actuación supón un novo paso na modernización das instalacións deportivas municipais e reafirma o compromiso do Concello coa mellora da eficiencia enerxética dos edificios públicos, facendo deles espazos máis confortables, sostibles e adaptados ás necesidades actuais.

Así mesmo, subliñan que esta intervención beneficiará directamente ao alumnado e á comunidade educativa do CEIP A Magdalena, así como aos clubs deportivos e á veciñanza que fai uso habitual do pavillón, que desde agora conta cunhas instalacións renovadas, máis eficientes, seguras e preparadas para ofrecer un mellor servizo durante os vindeiros anos.

0.12142109870911