Rematan as obras de mellora na avenida da Habana, na que se fixo un investimento de máis de 166.000 euros

TerraChaXa
O alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, visitou a zona tras a finalización dos traballos para comprobar o resultado da intervención
remate-de-obras-avenida-habana-as-pontes
9 Jul 2026

O Concello das Pontes vén de finalizar as obras de mellora de servizos e pavimentos na Avenida da Habana, no tramo comprendido entre o número 99 e o cruce coa rúa Cabanas, no centro urbano da vila, unha actuación orientada a mellorar a accesibilidade, a seguridade viaria e a calidade dos espazos públicos.

O alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, visitou a zona tras a finalización dos traballos para comprobar o resultado da intervención, destacando a importancia desta actuación para a modernización das infraestruturas urbanas e para ofrecer á veciñanza unha contorna máis cómoda, segura e accesible.

As obras, adxudicadas á empresa Cholo S.L., contaron cun orzamento de 166.538,11 euros, financiados con fondos da Deputación da Coruña. A actuación permitiu renovar integralmente as beirarrúas e substituír diferentes instalacións de servizos, actuando sobre ambas marxes da rúa co obxectivo de reforzar a seguridade e mellorar a mobilidade peonil.

Entre os traballos executados destaca a creación dunha nova rede separativa de pluviais, mediante canalizacións de PVC de alta rixidez, así como a instalación de novos sumidoiros, arquetas e elementos de recollida conectados ás redes existentes.

Tamén se levou a cabo a renovación da iluminación pública coa instalación de tecnoloxía LED, incorporando novos báculos de 7 metros con luminarias de estrada e paseo, o que permitirá unha iluminación máis eficiente e sustentable.

A intervención incluíu a reconstrución completa das beirarrúas con materiais accesibles e acordes coa estética da contorna, así como a creación dunha plataforma única para favorecer a accesibilidade universal e facilitar os desprazamentos peonís. Ademais, a calzada foi renovada cunha nova capa de aglomerado en quente, mellorando a súa funcionalidade e a drenaxe cara aos novos elementos de recollida de augas.

Dentro da actuación tamén se instalou novo mobiliario urbano, como papeleiras e xardineiras de madeira tratada, e executouse a sinalización horizontal necesaria, incluíndo pasos de peóns e prazas accesibles.

0.13469004631042