Rematan as obras de reposición da cuberta do almacén do Estadio Municipal da Madalena en Vilalba

TerraChaXa
“Estas actuacións concretamente veñen derivadas das necesidades demandadas polo Rácing Club Vilalbés", explicou a alcaldesa, Marta Rouco
cuberta-do-almacén-do-Estadio-Municipal-da-Madalena-Vilalba
9 Ago 2024

O Concello de Vilalba finalizou as obras de reposición da cuberta do almacén do Estadio Municipal da Madalena, unhas actuacións incluídas no Plan Único de Cooperación cos Concellos da Deputación de Lugo e cunha inversión que superou os 30.000 euros.

Os traballos completaranse coa construción dun novo espazo para o acceso do público. En primeiro lugar, procedeuse á retirada dos elementos de cubrición actuais dun dos almacéns do Estadio Municipal da Madalena, para posteriormente repoñer a cuberta con panel sándwich, de tal forma que se melloraron as condicións de hixiene e salubridade das instalacións.

Así, o que ata agora era un almacén pasará a converterse nunha nova zona de uso deportivo que os clubs poderán empregar como ximnasio para que os xogadores e o equipo técnico desenvolvan os seus adestramentos físicos.

“Estas actuacións concretamente veñen derivadas das necesidades demandadas polo Rácing Club Vilalbés, co obxectivo de acondicionar as instalacións ás esixencias técnicas e deportivas do club, para que poida adestrar e xogar coas máximas comodidades, así como recibir ao seu público de forma oportuna”, explicou a alcaldesa, Marta Rouco.

Nesa liña, as obras completaranse cunha reforma prevista na zona de acceso do público, onde se retirará a estrutura provisional existente para construír un novo espazo con base de formigón que servirá como taquilla de venta de entradas, e polo tanto, estará debidamente acondicionada para tal efecto.

0.14766597747803