Rematan as obras de urbanización da praza do Barreiro nas Pontes

As obras de reurbanización da Praza do Barreiro xa están rematadas. O alcalde e membros do equipo de goberno visitaron esta mañá o espazo para coñecer o resultado da intervención, que permitiu renovar integralmente esta praza do poboado do Barreiro e convertela nun lugar máis accesible, funcional, seguro e sostible para o lecer e a convivencia cidadá.
A actuación contou cun orzamento de 372.644,07 euros, financiado pola Deputación da Coruña, e foi adxudicada á empresa Construcciones Fego Atlántico SL. Os traballos enmárcanse na estratexia municipal dos últimos anos para mellorar a calidade dos espazos públicos e avanzar cara a unha vila máis amable, inclusiva e respectuosa co medio ambiente.
O proxecto tivo como obxectivo recuperar este espazo emblemático do poboado do Barreiro, transformándoo nun lugar máis acolledor e adaptado ás necesidades da veciñanza, cunha actuación integral que abrangue a funcionalidade, a accesibilidade, a seguridade e a sustentabilidade ambiental.
Entre as principais melloras destaca a reorganización do espazo para favorecer o lecer e a convivencia veciñal, coa creación de novas zonas de estancia e reunión, unha área de xogos infantís e unha ampla superficie axardinada. Todo o conxunto está articulado mediante itinerarios peonís que facilitan a conexión coa contorna e cos edificios residenciais.
A intervención permitiu tamén mellorar a accesibilidade mediante a eliminación de barreiras arquitectónicas que dificultaban o tránsito, especialmente para as persoas con mobilidade reducida. Os novos percorridos, os pavimentos seleccionados e a adaptación dos accesos aos portais das vivendas contribúen a garantir un uso máis cómodo e inclusivo do espazo público.
No ámbito da seguridade, a reorganización dos elementos urbanos e a renovación do sistema de iluminación melloran as condicións de uso da praza e a visibilidade durante as horas nocturnas. Neste sentido, substituíuse a rede de alumeado por luminarias LED de baixo consumo e alto rendemento, contribuíndo tamén á eficiencia enerxética.
A sustentabilidade foi outro dos eixes fundamentais do proxecto. A actuación inclúe unha nova rede de rega automatizada, deseñada para optimizar o consumo de auga, así como a incorporación de especies vexetais autóctonas, resistentes e de baixo mantemento. As zonas verdes contribúen a mellorar o confort térmico, proporcionar sombra nos meses máis cálidos e favorecer a integración paisaxística da praza.
O novo espazo complétase con equipamento urbano sostible, que inclúe bancos, papeleiras e elementos de xogo fabricados con materiais reciclados e reciclables, en liña cos principios de economía circular e respecto polo medio ambiente.
Co remate desta actuación, o Concello das Pontes continúa avanzando na mellora e recuperación dos espazos públicos municipais, apostando por contornas máis verdes, accesibles e agradables, concibidas como lugares de encontro, descanso e convivencia para toda a veciñanza.