Rematan as obras do abastecemento e saneamento en dos núcleos rurais de Guitiriz

Os núcleos da Raposeira e de Buxío, no municipio de Guitiriz, contan con novo servizo de saneamento e de abastecemento, respectivamente, unha vez rematadas as obras que se realizaron nos últimos meses.
As actuacións foron promovidas polo Concello e financiadas pola Xunta de Galicia ao abeiro da liña non competitiva do Fondo de Compensación Ambiental. Técnicos do Goberno galego supervisaron hoxe o resultado para elaborar a acta de comprobación, nunha visita na que tamén participaron o delegado territorial de Lugo, Alfonso Villares, e a alcaldesa da localidade, Marisol Morandeira.
Na Raposeira, na parroquia de Santa Leocadia de Parga, executouse unha rede de saneamento compacta de 250 e 200 mm de diámetro, que recolle as augas residuais das vivendas. Instalouse un colector de 250 mm de diámetro en todo o trazado, con ramais para dar servizo ás casas máis apartadas, e tamén pozos de rexistro, situados a unha distancia máxima de 80 m entre eles.
No barrio do Buxío, moi próximo a Parga, construíuse unha rede de abastecemento de auga potable con tubaxe de polietileno de 63 mm de diámetro.