Rematan as obras do local no que se instalará o Punto de Atención á Infancia de Vilalba

TerraChaXa
A alcaldesa, Marta Rouco, visitou as instalacións para comprobar o resultado final das actuacións, que permitirán poñer en marcha o servizo nas vindeiras semanas
obras-local-pai-vilalba
18 Oct 2025

O Concello de Vilalba vén de dar por finalizadas as obras do novo Punto de Atención á Infancia (PAI), un servizo clave para favorecer a conciliación das familias e ofrecer atención educativa de calidade aos máis pequenos e pequenas do municipio.

A alcaldesa, Marta Rouco, visitou as instalacións para comprobar o resultado final dos traballos e coñecer de primeira man o estado das novas dependencias.

Unha vez finalizadas as obras, o Concello xa tramitou ante a Xunta de Galicia a solicitude de apertura do centro educativo, paso necesario para a súa posta en funcionamento. O novo PAI contará con 20 prazas destinadas a nenos e nenas de 0 a 3 anos.

A vindeira semana, o Concello prevé abrir o prazo de inscrición, para que as familias interesadas poidan solicitar praza neste novo servizo municipal, que se converterá nun recurso fundamental para a conciliación laboral e familiar das vilalbesas e vilalbeses.

A alcaldesa, Marta Rouco, destacou que “este novo Punto de Atención á Infancia é unha mostra da aposta do goberno local pola conciliación e polos servizos públicos de calidade, fundamentais para que as familias poidan desenvolver o seu proxecto de vida en Vilalba”.

Desde o equipo de goberno subliñan tamén que este proxecto forma parte do compromiso da Alcaldía por gobernar para todos e todas, impulsando iniciativas que melloran o día a día dos veciños e veciñas e contribúen a facer de Vilalba unha vila moderna, con máis oportunidades e mellores servizos.

⚙ Configurar cookies
0.078476905822754