Rematan as obras no CEIP Aquilino Iglesia Alvariño de Abadín

TerraChaXa
Remataron as obras de mellora da eficiencia enerxética do CEIP Aquilino Iglesia Alvariño de Abadín, nas que investiu preto de 252.300 euros.
COLEXIO AQUILINO IGLEXIA ALVARINO ABADIN
1 sep 2022

A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades vén de rematar as obras de mellora da eficiencia enerxética do CEIP Aquilino Iglesia Alvariño de Abadín, nas que investiu preto de 252.300 euros.

Así o explicou hoxe durante unha visita ao centro o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, quen apuntou que para próximo inicio de curso tamén está listo o novo pavimento do patio. Este espazo exterior asfaltouse cun orzamento que ronda os 31.000 euros.

Os traballos que se realizaron ao longo dos últimos meses incluíron a substitución de portas e ventás por outras de carpintería de aluminio con rotura de ponte térmico e vidros de dobre acristalamento, baixo emisivos, acústicos e de seguridade, con cámara de aire intermedia e apertura oscilobatente.

Tamén se mudaron os canlóns e baixantes; colocouse illamento no baixocuberta e instalarónse novas luminarias tipo LED con regulación de intensidade e detectores de presenza.

Así mesmo, entre as actuacións realizadas tamén destaca a reparación da cuberta do voadizo situado á entrada do centro -na fachada sureste- para evitar as filtracións de auga.

Os traballos están incluídos nun contrato de mellora de dez centros educativos da provincia de Lugo por un importe total de 2M€, que recolle actuacións noutros catro colexios da comarca da Terra Chá: CEIP de Bretoña e CEIP O Salvador da Pastoriza; CEIP Mato Vizoso de Vilalba e CEIP de Xermade.

Arias afirmou que a mellora da eficiencia enerxética das instalacións educativas é un dos piares do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, co fin de promover “infraestruturas máis respectuosas co medio ambiente, máis confortables para alumnos e profesores e que permitan un aforro no consumo”, concluíu.

0.075134038925171