Renovado o convenio coa Xunta para financiar o comedor escolar da EEI de Vilalba

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP destinará máis de 67.000€ a cofinanciar o servizo de comedor nos concellos de Oroso e Vilalba. O Consello da Xunta aprobou hoxe a renovación dos convenios a través dos cales se instrumenta esta colaboración, que se enmarcan nas diferentes liñas de apoio da Xunta á prestación deste servizo.
Ao abeiro destes acordos facilitaráselles o uso do comedor escolar a 130 alumnos do CEIP Plurilingüe do Camiño Inglés (Oroso) e a 75 da Escola de Educación Infantil de Vilalba ao longo do curso 2026/27.
Cómpre lembrar que o Goberno galego é a Administración que sostén o groso do funcionamento dos comedores escolares en Galicia, xa que preto do 80% das 85.000 prazas son xestionadas pola Consellería de Educación. Os comedores escolares galegos dan servizo a 85.000 alumnos. Nestes comedores sérvense uns 62.000 menús diarios, é dicir, 11 millóns de menús cada curso. O Goberno galego inviste máis de 360.000€ diarios na prestación deste servizo, uns 63,5 M€ cada curso.
A maiores, a Xunta apoia a prestación do servizo en 50 comedores xestionados polos concellos de Ames, Barreiros, Betanzos, Cangas de Morrazo, Ferrol, Lugo, Meaño, Mugardos, Muíños, Oroso, Sada, Santiago de Compostela, Sarria e Vilalba con máis de 5.200 usuarios; así como en 210 comedores xestionados por anpas, con máis de 15.100 comensais. Por outra banda, colabórase con 14 asociacións e entidades especializadas na atención á diversidade e coa Deputación Provincial de Pontevedra para facilitarlles que 585 alumnos con discapacidade poidan usar o comedor adaptado ás súas necesidades.