Renovarán once quilómetros da estrada LU-P-2106 ao seu paso por Friol

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres novos investimentos por un importe de preto de 1 millón de euros para mellorar un total de once estradas provinciais que discorren polas comarcas da Mariña, Lugo e Ribeira Sacra. “Esta inversión permitirá seguir avanzando na mellora da rede viaria provincial en concellos como Ribadeo, Foz, Ourol, Ribas de Sil e Friol”, así o avanzou a voceira Socialista do Goberno, Pilar García Porto, trala reunión semanal.
En Friol, investirase 275.000 euros na mellora da LU-P-2106, nun tramo de case once quilómetros que conecta o municipio co lugar de Lousada polo de Cimadevila, co que a estrada quedará practicamente renovada. Os traballos incluirán a reapertura de cunetas, reparación de danos, repavimentación e reposición da sinalización vertical.
“Estes novos investimentos demostran o noso compromiso coa mellora da rede viaria provincial. Traballamos en todas as estradas sen diferenzas políticas, atendendo unicamente ás necesidades reais de conservación, seguridade e mobilidade de cada municipio”, sinalou a voceira Socialista do Goberno.
Ademais, na reunión desta mañá aprobouse a convocatoria e bases para a creación de tres listas de emprego para técnico superior de informática FP, técnico de márketing e publicidade e oficial de oficios múltiples, destinadas a cubrir servizos temporais na institución provincial. Tamén se adxudicou o subministro dunha minipa cargadora compacta con cazo para o Parque Móbil da Deputación á empresa Epromext SL por un importe de 68.365 euros, co obxectivo de reforzar os traballos de mantemento e conservación da rede viaria provincial.