Repártense os cartos do Fondo de Cooperación entre os concellos

TerraChaXa
A Xunta de Galicia inxectou no primeiro trimestre do ano 6.
93290882_2966765456752388_661732251314159616_o
25 Abr 2020

A Xunta de Galicia inxectou no primeiro trimestre do ano 6.393.500 euros ao conxunto dos concellos da provincia de Lugo a través do Fondo de Cooperación Local, un orzamento que poden investir nas obras ou servizos que consideren oportunos.

Neste sentido, o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que, ao contrario do que ocorre cos programas de subvencións finalistas, estas partidas non están condicionadas ao desenvolvemento dun proxecto ou iniciativa concreta, polo que os municipios poden destinalas ás medidas extraordinarias postas en marcha para frear a expansión do Covid-19.

O fondo abónase a todos os concellos, en doce mensualidades a mes vencido. A contía ingresada no primeiro trimestre inclúe ademais a liquidación do remanente de exercicios anteriores.

A súa distribución responde a criterios obxectivos pactados coa Federación Galega de Municipios e Provincias, entre os que destacan o número de habitantes -e singularmente de persoas maiores de 65 anos-, a superficie do concello ou a cantidade de núcleos de poboación.

Segundo estes parámetros, o concello de Lugo -o único da provincia que figura no grupo de máis de 50.000 habitantes- recibiu xa este ano 846.390 euros do Fondo de Cooperación da Xunta. Establécese un segundo grupo para municipios de entre 15.000 e 50.000 habitantes nos que se sitúan Monforte de Lemos, que recibiu 217.800 euros; Vilalba, con 312.600 euros, e Viveiro, con 158.200 euros.

Os 63 concellos restantes da provincia inclúense no terceiro e último grupo, o de municipios de menos de 15.000 habitantes, figurando entre os que máis ingresos percibiron Sarria (188.000 euros), Ribadeo (150.200 euros), Foz (144.700 euros) e Chantada (136.400 euros).

O delegado territorial subliñou que, mediante este programa, a Xunta “amosa un total respecto pola autonomía municipal e unha vontade clara de axudar e de colaborar con todos os concellos, porque o importante é poder dar respostas ás necesidades de todos os veciños e veciñas”.

0.18618988990784