A Ponte Vella de Martiñán

TerraChaXa
Galicia está chea de camiños, algúns moi transitados que nos levan a grandes pobos e urbes e outros máis modestos e tranquilos
Pontevella de Martinan
24 Maio 2021

Por Miriam Fernández

Galicia está chea de camiños, algúns moi transitados que nos levan a grandes pobos e urbes e outros máis modestos e tranquilos que nos permiten chegar a aldeas e lugares fermosos enfeitizándonos coa fauna e a flora que os rodea. Tamén existen aqueles camiños históricos, camiños de peregrinación e camiños comerciais, actuando dende fai séculos como vías fundamentais de conexión entre as persoas, o seu modo de vida e a súa espiritualidade.

Como non, falar de camiños lévanos irremediablemente a falar tamén de pontes, pois é única forma de cruzar as canles de auga que se nos presentan no noso percorrido, unha solución que en moitos casos pasou a ser moito máis que unha simple construción de tipo práctico para revelarse como verdadeira beleza da enxeñería.

Este é o caso da Ponte Vella de Martiñán, barrio da parroquia vilalbesa de San Bartolomeu de Corbelle, coñecido polo seu pan e por ser zona de paso tradicional entre o Concello de Vilalba e Abadín. O Camiño de Santiago tamén pasa por Martiñán na súa etapa 33 (20,3km Abadín- Vilalba), enlazando na mesma vía co antigo Camiño Real que unía Mondoñedo e a capital chairega.

A Ponte Vella de Martiñán data do século XVIII e foi construída para servir de paso sobre o río Batán por Domingo Antonio de Seoane, canteiro de primeira xeración da dinastía dos “Carboeira”, afamados artesáns da pedra da parroquia vilalbesa de Román, autor tamén da ponte de Distriz.

En canto á súa estrutura, a ponte consta de tres arcos, dous  ergueitos sobre a canle do río, e un terceiro , máis pequeno, nun lateral a xeito de desaugadoiro, permitindo a rápida evacuación a auga e a forte presión que exerce sobre a ponte en época de crecentes. O maior deles é de medio punto lixeiramente apuntado, o central apuntado e mais estreito e o pequeno desaugadoiro de medio punto. Nos dous piares de separación dos arcos que corresponde coa forza da corrente, atopamos dous tallamares triangulares, un deles, o que se sitúa entre o arco apuntado e o desaugadoiro, mais grande e robusto que o seu compañeiro.

A construción da ponte está baseada na cachotaría, mentres que os bloques macizos de cantería se reservaron para as doelas dos tres arcos e a estrutura do tallamar central. Nesta ponte conservase perfectamente o peitoril que limita o seu ancho e protexe ós viandantes, realizado mediante grandes chantos de granito e nos que se abriron tres pares de canos que permiten verter a auga acumulada no firme empedrado da construción á canle do río. Sobre o peitoril dun dos extremos da ponte existe unha pedra tallada cunha inscrición hoxe en día intelixible e a figura dunha custodia. Podemos chegar a pensar que este relevo foi realizado co desexo de bendicir ó viandante e desexarlle sorte no seu camiñar.

A carón da ponte temos unha área para o descanso con mesas que nos invitan a facer un alto no camiño e relaxarnos nese lugar cheo de encanto que ben merece a pena.

Ponte_Vella_de_Martinan 2
0.16236114501953