Reúnese un Comité Asesor para iniciar novos procesos de reestruturación en Vilalba e Outeiro de Rei

O Comité Técnico Asesor de Reestruturación Parcelaria de Lugo mantivo hoxe unha reunión para a emisión de informe no seo da tramitación dos estudos previos que se están a realizar en relación con novos procesos de reorganización da propiedade na parroquia vilalbesa de Román e nas de Folgueira, Matela, Vilela e Taboi en Outeiro de Rei.
Os membros do Comité coñeceron os informes sectoriais recompilados pola Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, nos que basearon o seu respaldo ao desenvolvemento destas áreas. Recibido este aval, continuarase coa tramitación regulamentaria previa ao seu decreto.
Igualmente, a xuntanza serviu para referendar a continuidade dos traballos na área xa decretada de Arcos, Sobrada de Aguiar e San Lourenzo de Aguiar, tamén en Outeiro de Rei. Neste caso, os técnicos deron conta da elaboración das bases de reestruturación e explicaron o Plan de Ordenación de Predios de Especial Vocación Agraria, documento que regula os futuros usos e aproveitamentos na zona.
O Comité foi presidido polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, e contou coa participación de representantes de distintos departamentos da Administración autonómica, da Administración do Estado e da local, e das organizacións profesionais agrarias.