Rexurdimento temporal

TerraChaXa | RibeiraSacraXa | SarriaXa | LugoXa | AMariñaXa
Coa nosa VOZ, artículos do escritor Pablo Veiga, que trata os temas de actualidade cun toque persoal e atentendo a esta provincia.
Pablo Veiga foto 2022
12 sep 2023

Por Pablo Veiga

Escribimos este artigo a última semana do mes de agosto deste presente ano dous mil vinte e tres, no que semella todo volveu á normalidade de maneira definitiva, ou iso agardamos polo menos ata a vindeira historia que outra vez poña todo patas arriba. Atrás queda aquel marzo do vinte e o que viría a continuación, que parece foi hai moito tempo, pero que todos lembramos perfectamente. O verán estase a desenvolver sen novidades salientables. Houbo que ir votar nunhas eleccións xerais convocadas para unha data atípica, co que iso supuxo, tanto nas semanas previas como nas posteriores –e o que falta aínda por vir e por ver-. E a iso cómpre engadirlle que tralos comicios municipais de maio, constituíronse as novas corporacións locais para os próximos catro anos. Ata o de agora, toquemos madeira, o lume, por fortuna, non tivo o triste protagonismo que observamos en certas bisbarras do País o ano anterior. Asistimos a días de abafante calor, pero a auga fixo aparición e da maneira á que estamos afeitos ver chover por estes lares.

Xa no verán anterior puidemos comprobar como volveran ao rego as cotidianeidades de sempre. Así, as viaxes e as vacacións de novo foron noticia, pero xa sen restricións. Vimos como o persoal enchía restaurantes, praias, …. Como se o mundo acabase, había que aproveitar o momento, polo que puidese vir a posteriori. Aquí, no noso radio de acción, vimos como se revitalizaban verbenas, festivais e demais eventos. Calquera escusa era boa para divertirse e tratar de pasalo o mellor posible, quedando atrás o auténtico pesadelo que foi o maldito Covid 19. En resume, como calquera verán pretérito, anterior á pandemia. Nada extraordinario, podemos dicir. E o destes dous últimos meses, pois aí están as imaxes que proxectan os medios de comunicación. Os diferentes camiños de Santiago, petados de pelegríns. Aeroportos, estacións de trens e buses, ateigados de xente que vai e ven. As terrazas dos bares, os restaurantes, zonas de baño, etc. son unha proba de que aquelo que nos condicionou a existencia xa forma parte do pasado.

E todo iso poderiámolo facer extensivo nas nosas aldeas, parroquias e vilas. Se no resto do ano comprobamos o significado da Galicia baleira, chegou a época estival e aqueles lugares onde cada vez quedan menos veciños e cada vez de maior idade semellan rexurdir dese letargo. As airas, os camiños e ata as corredoiras acollen uns visitantes que dan pulo a zonas que durante meses están orfas dunha vida humana que tanta presenza tiña en tempos pasados. Volven aqueles que marcharan lonxe, xa entrados en anos, pero tamén os seus fillos, os da xeración baby boom, quen xa son pais e nais, polo que tamén veñen coas súas crianzas e os achegados delas. Todos dan fe de sitios de gran fermosura e valor sentimental, os que nuns días volverán encherse de silencio e soidade, agardando outro verán por aqueles que, aínda de forma temporal, fan lembrar o que aquí había.

0.17008018493652