Ribadeo honra aos remeiros medallistas no Campionato de España

TerraChaXa | AMariñaXa
Ribadeo honra aos remeiros medallistas no Campionato de España celebrado en Sevilla, Iker García Valle e Juan Lara Calonge
30 Dec 2020

O Concello de Ribadeo ofreceu onte unha recepción aos dous remeiros medallistas no Campionato de España de Remo celebrado en Sevilla. Iker García Valle obtivo a medalla de prata na categoría xuvenil e Juan Lara Calonge conseguiu a de bronce en cadete. Ambos recibiron de mans do concelleiro de Deportes e do alcalde unha reprodución da Illa Pancha, realizada pola Asociación de Axuda ao Enfermo Mental A Mariña, ademais de senllos diplomas. Os medallistas estiveron acompañados neste acto polas súas familias.

O edil de Deportes, Jorge Díaz, dixo que “estamos aquí para despedir o ano e non podía ser con mellor cousa que dando o agradecemento da Concellaría de Deportes á área de remo, neste caso tanto a Iker como a Juan, que quedaron prata e bronce respectivamente, Iker en xuvenil e Juan en cadete, no Campionato de España celebrado en Sevilla”.

Díaz Freije agradeceulles “o esforzo de todo o ano e de todos estes anos, tanto a eles como aos pais e familiares, e a todos os que están involucrados neste deporte. Desde o Concello, como sempre, colaboramos en todo o que podemos e ata onde podemos chegar, e desde a miña área imos seguir facendo así. Este ano cambiamos un pouco os premios e son da Asociación de Axuda ao Enfermo Mental A Mariña para colaborar con eles porque o deporte tamén inclúe esforzo e colaboración”.

O alcalde ribadense, Fernando Suárez, subliñou no súa intervención que “non coñezo ningún club, nin creo que exista, onde desde o seu nacemento e nos poucos anos de vida, que tivera xente tan boa, tanto en masculino como en feminino, que fora dando resultados para eles, para o seu club e para Ribadeo”.

O rexedor dirixiuse aos deportistas dicíndolles que “é unha enorme honra recibirvos no Concello, onde moitas veces nos gusta que este salón de plenos non soamente sexa escenario de debates políticos arduos senón tamén que sexa escenario de momentos como este, de recoñecer na casa de todos, que é o Concello, a vosa actuación nesta faceta deportiva. Non vos esquezades dos estudios, é moi importante, mirade que isto pasa. Remaredes, ganaredes e seguramente vos recibiremos outra vez, pero non descoidedes os estudios, que é o máis importante”.

Xunto aos deportistas homenaxeados estiveron tamén o técnico de Deportes do Concello, Iván López, e o presidente do Club de Remo de Ribadeo, Miguel Balsa.

0.16235208511353