Riotorto celebra as I Xornadas Culturais do Ferro con motivo do 20 aniversario da Asociación de Ferreiros

A Asociación para a Promoción Social dos Ferreiros de Riotorto organiza esta fin de semana as I Xornadas Culturais do Ferro, unha iniciativa que conmemora os vinte anos de traxectoria da entidade e que busca poñer en valor a tradición da ferraría, a súa historia e o seu patrimonio cultural. As actividades desenvolveranse no Centro Cultural Poeta Avelino Díaz de Riotorto.
O programa comezará o venres 27, ás 19.00 horas, coa inauguración oficial das xornadas. Media hora despois terá lugar a apertura da exposición fotográfica Homes de ferro no oriente lucense, que poderá visitarse tamén os días 28 e 29 de novembro, en horario de 10.30 a 13.30 e de 17.00 a 20.30 horas. A primeira xornada rematará ás 20.00 horas cun convite a viño galego con petisco.
O sábado 28, ás 18.00 horas, proxectarase o documental Riotorto: Cultura do ferro nas Terras de Miranda, de Xosé M. Salgado. Ás 19.30 horas celebrarase un relatorio sobre a prospección arqueolóxica do mundo do ferro na parroquia de Ferreiravella, no que se presentarán os resultados iniciais dos traballos realizados por Fran Alonso Toucido , de Tempos Arqueólogos S.L.
A programación continuará o domingo 29, ás 11.30 horas, coa exhibición do programa Vellos Oficios, de RTVE, dedicado no ano 1985 aos ferreiros de Ferreiravella.
Ás 12.00 horas terá lugar unha mesa redonda sobre o futuro da tradición e o proxecto do Museo do Ferro de Galicia en Riotorto. No encontro participarán Encarna Lago, da Rede Museística Provincial de Lugo; Aitor Uriarte, do Museo da Minería do País Vasco; Juan Carlos Quintana, do Museo da Cuchillería de Taramundi (Asturias), e Teresa Carracedo Fraga, da Asociación de Ferreiros de Riotorto.
Con esta primeira edición das Xornadas Culturais do Ferro, a asociación quere celebrar os seus vinte anos de actividade e reivindicar a importancia da tradición ferrreira de Riotorto, así como abrir un espazo de encontro e reflexión arredor da conservación e o futuro deste patrimonio.