Riotorto e Meira celebran o 129 aniversario de Avelino Díaz cunha programación cultural ata xaneiro

O 129 aniversario de Avelino Díaz contará cunha programación cultural que se desenvolverá entre novembro e xaneiro nos municipios de Riotorto e Meira. A proposta reúne teatro, música, actividades festivas e memoria histórica para homenaxear a figura do escritor e achegar ao público diferentes expresións culturais vinculadas á súa época e ao seu legado.
A primeira cita será o sábado 21 de novembro, ás 16.30 horas, no Centro Sociocultural Avelino Díaz de Riotorto. Alí representarase 'Presbicia', unha obra teatral dirixida a todos os públicos que propón unha viaxe pola fantasía e o xogo coas palabras, acompañada de música en directo. A entrada será gratuíta. A peza presenta a historia dun personaxe que continúa camiñando ata ter a certeza de estar a salvo, ata que se detén e mira cara atrás. É entón cando descobre que aquilo que parecía un tigre non era máis ca un gato.
A segunda actividade trasladarase a Meira o sábado 28 de novembro. A partir das 19.00 horas, a Praza Maior acollerá a 'Verbena galega d'antes en tempos de Avelino Díaz', unha celebración que convida os asistentes a recuperar a estética e o ambiente dos anos corenta. A organización anima a acudir en cuadrilla, en familia ou con grupos de amizades, caracterizados coa vestimenta daquela década.
A festa incluirá representacións de antigos oficios e unha ruta de petiscos polos establecementos participantes, que ofrecerán propostas con sabor a castaña. Na iniciativa tomarán parte Agrotaberna I máis D, Toxo, Recuncho, Flor, Arquiñano e Cazoleiro. A música e o baile completarán a velada, na que tamén se entregarán premios á cuadrilla máis numerosa, á mellor caracterizada e á máis divertida.
O programa continuará o sábado 9 de xaneiro, ás 19.00 horas, no local social da Órrea, en Riotorto, cunha actividade centrada na memoria da comarca durante a década dos oitenta. Baixo o título 'Que pasaba nos anos 80 na nosa comarca?', a sesión abordará a historia da revista 'A Voz do Pobo' e o movemento veciñal en Fumiñá durante a Transición.
A xornada incluirá a proxección do documental 'A Voz do Pobo' e un coloquio no que participarán integrantes da Asociación Cultural e Veciñal de Fumiñá-Paraxes. O encontro servirá para recuperar episodios da historia social da contorna e lembrar a vida e a obra de Avelino Díaz.