Riotorto organiza un obradoiro para aprender a protexerse das estafas e dos riscos dixitais no Nadal

TerraChaXa | AMariñaXa
Abordaranse cuestións como a identificación de ofertas e páxinas web enganosas, as fraudes máis habituais e as medidas para garantir a seguridade dos pagos en Internet
Ciberseguridad
25 Nov 2026

A CeMIT de Riotorto acollerá este xoves, 26 de novembro, un obradoiro de ciberseguridade baixo o título Prepárate para un Nadal ciberseguro, unha iniciativa destinada a ofrecer á cidadanía ferramentas e coñecementos para navegar por Internet e realizar compras en liña de maneira segura durante as festas.

A actividade desenvolverase en horario de 17.00 a 19.00 horas e permitirá coñecer as principais ameazas dixitais que aumentan nestas datas, marcadas polo incremento das compras, as ofertas e os agasallos en liña.

Durante o obradoiro abordaranse cuestións como a identificación de ofertas e páxinas web enganosas, especialmente durante campañas comerciais como o Black Friday, as fraudes máis habituais no Nadal e as medidas que se poden adoptar para garantir a seguridade dos pagos en Internet.

Tamén se analizarán os riscos asociados aos novos xoguetes conectados e aos dispositivos intelixentes que adoitan chegar aos fogares como agasallos, así como as precaucións necesarias para facer un uso seguro destes aparellos.

A iniciativa busca promover boas prácticas dixitais e axudar ás persoas participantes a identificar posibles estafas, protexer os seus datos e tomar decisións máis seguras na rede.

As persoas interesadas en participar poden inscribirse a través da súa aula CeMIT. A actividade enmárcase nas accións de formación e sensibilización en ciberseguridade, baixo a premisa de que cada clic conta para navegar con seguridade.

0.16420698165894