Riotorto remata a mellora dos camiños de acceso aos núcleos de Salgados e Vila de Rei

TerraChaXa | AMariñaXa
As actuacións, realizadas na parroquia de Aldurfe, permitiron renovar o firme das vías, mellorar a drenaxe e reforzar a seguridade viaria cunha nova sinalización
mellora-pistas-caminos-aldurfe-riotorto
2 Nov 2026

O Concello de Riotorto rematou as obras de mellora dos camiños de acceso aos núcleos de poboación de Salgados e Vila de Rei, na parroquia de Aldurfe, co obxectivo de garantir unhas mellores condicións de accesibilidade e comunicación nestas zonas rurais.

Os traballos centráronse na renovación do firme de ambas as vías, que presentaban un importante desgaste e diferentes deficiencias que dificultaban a circulación. No acceso a Salgados, a capa de rodadura de macadam bituminoso atopábase moi deteriorada e presentaba fisuras, mentres que no camiño de Vila de Rei o firme de rega asfáltica tiña fochancas e deformacións.

As actuacións tamén incluíron melloras na drenaxe superficial, especialmente necesarias no acceso a Salgados, onde as cunetas presentaban abundante vexetación que dificultaba a evacuación da auga. Ademais, instaláronse sinais de Stop nos entronques de ambos os camiños con outras vías municipais para reforzar a seguridade viaria.

No caso de Salgados, a intervención realizouse nun ámbito no que se atopan dous cabozos catalogados e protexidos polo seu valor patrimonial, segundo recolle o catálogo do Plan Básico Autonómico.

O investimento total ascendeu a 29.382,67 euros, IVE incluído. A Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia financiou o importe correspondente ao orzamento base de licitación sen IVE, mentres que o imposto foi asumido polo Concello de Riotorto.

O proxecto establecía un prazo de execución de dous meses e un período de garantía dun ano desde a recepción das obras. Con esta intervención, o Concello busca mellorar as comunicacións e manter en boas condicións os accesos aos núcleos rurais do municipio.

0.11837816238403