Riotorto reserva 40.000 euros para facilitar o acceso á residencia a veciños con menos recursos

TerraChaXa | AMariñaXa
Ademais da partida destinada ás axudas para os usuarios, o goberno local reservou outros 40.000 euros para obras de urbanización no centro
Plano-residencia-maiores-riotorto-2024
5 Oct 2026

O Concello de Riotorto aprobou no pleno deste venres o orzamento municipal para 2027, que ascende a 1.703.550 euros e contempla unha partida específica de 40.000 euros para axudar aos usuarios da residencia municipal que teñan dificultades económicas para asumir o custo dunha praza.

As achegas situaranse entre os 250 e os 500 euros mensuais por usuario, en función da súa capacidade económica me con esta medida preténdese facilitar o acceso ao servizo aos veciños do municipio que carezan de recursos suficientes.

O orzamento do vindeiro exercicio é inferior ao de 2026, principalmente porque xa rematou a obra da residencia, para a que este ano estaban consignados 200.000 euros. Ademais da partida destinada ás axudas para os usuarios, o goberno local reservou outros 40.000 euros para obras de urbanización nas instalacións.

A posta en funcionamento da residencia é, segundo o goberno municipal, unha das prioridades para o próximo ano coa creación de 15 postos de traballo directos.

O Concello tamén mantén entre os seus obxectivos prioritarios a atención no fogar. Actualmente presta este servizo directamente a través de 21 auxiliares, que atenden 102 usuarios tamén durante as fins de semana. O Goberno local asegura que non existe lista de espera e que o Concello asume os custos do Servizo de Axuda no Fogar cando se resolve o expediente de dependencia. Para este servizo están previstos 450.750 euros no orzamento de 2027, 35.370 euros máis que nas contas de 2026.

O Concello non ten débeda municipal, segundo asegura, e continuará apoiando as actividades que se desenvolven no municipio. Neste sentido, está previsto incrementar a achega á Feira do Ferro.

No capítulo de investimentos, ademais das actuacións vinculadas á residencia, o orzamento inclúe 5.000 euros para o saneamento de Caboxo e Santalla, 30.000 euros para mellorar os accesos aos núcleos, 20.000 euros para a limpeza e desbroce de pistas de terra e 2.000 euros para unha caseta de pádel.

0.16063809394836