Riotorto ultima a obra de mellora do camiño de acceso ao núcleo de Veiga de Galegos

TerraChaXa | AMariñaXa
A actuación permitirá renovar o firme desta vía rural, mellorar a drenaxe das augas pluviais e reforzar a seguridade viaria coa instalación dunha sinal de Stop
casa-do-concello-de-riotorto
7 Nov 2026

O Concello de Riotorto está a piques de rematar as obras de mellora do camiño rural que dá acceso ao núcleo de Veiga de Galegos desde a estrada provincial LU-P-5505. A intervención busca mellorar as condicións de circulación e accesibilidade desta zona de alta montaña, así como contribuír ao mantemento da poboación e da actividade económica vinculada ao sector primario.

O vial presentaba unha plataforma de terra con deformacións lonxitudinais e transversais provocadas polo paso habitual de vehículos e pola acción das augas de escorrentía. A presenza de abundante vexetación nas cunetas dificultaba a drenaxe superficial e favorecía o deterioro do camiño.

Os traballos contemplan a limpeza das cunetas con motoniveladora, a preparación da superficie e a apertura da caixa necesaria para construír o novo firme. Posteriormente, esténdese unha base de zahorra artificial e unha capa de rodadura de aglomerado en quente tipo D-12, cun espesor de cinco centímetros, que será compactada para garantir unhas condicións adecuadas de circulación.

A actuación inclúe tamén a instalación dunha sinal de Stop no entronque con outra vía de titularidade municipal, co obxectivo de mellorar a seguridade viaria.

O orzamento de execución material ascende a 13.889,36 euros, mentres que o orzamento base de licitación, co IVE incluído, alcanza os 19.999,29 euros. A Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia financia o importe correspondente ao orzamento sen IVE e o Concello de Riotorto asume o imposto.

O proxecto establecía un prazo de execución dun mes e un período de garantía dun ano desde a recepción das obras. Con esta intervención, o Concello continúa mellorando as comunicacións cos núcleos rurais e facilitando a accesibilidade nun territorio de alta montaña.

0.15060496330261