Risco constante
Por Pablo Veiga
Recoñecendo que son excepcionais, si temos que lamentar falecementos acontecidos nas granxas galegas por mor das emanacións de gases derivadas das fosas de xurro, que ó longo e ancho do noso agro suman case tantas como explotacións gandeiras existentes, fundamentalmente de vacún de leite e porcino. Os medios de comunicación, de cando en vez, dan a mala nova onde se producen accidentes neste tipo de instalacións con consecuencias fatais, inclusive con varias mortes. Primeiro, cae un desmaiado e logo os que van detrás socorrelo seguen idéntico camiño.
Culpable de feitos desta índole é a escaseza de osíxeno polas escasa ou nula ventilación e un exceso de gases letais, como o metano e o ácido sulfhídrico. Esa combinación provoca a fulminante perda de coñecemento e posterior falecemento por axfixia e envelenamento. Mortes rápidas e doces –aínda que cualificar a morte de doce sone macabro-.
Cómpre sinalar que as características xerais do campo no noso País, por todos coñecidas, cun elevado índice de avellantamento dos gandeiros e con escaso relevo xeracional, inciden negativamente á hora de abordar modernizacións en todo o referente ó tratamento dos residuos que se xeran nas explotacións. Engádaselle tamén a antiguedade de moitas desas fosas de xurro e a falta dun eficaz mantemento, así como a pouca predisposición a formarse en todo o referente á prevención de riscos laborais. O resultado non pode ser bo, máis ben todo o contrario.
As recomendacións realizadas para que non se produzan este tipo de accidentes son, en primeiro lugar, que nunca se leve a cabo a labor de sacar xurro por parte dunha soa persoa. En segundo termo, absterse de entrar nas cortes cando se está batendo. Aparte, no caso de que a fosa estea completamente cuberta, deberá ser ventilada con antelación a facer este traballo. Non semella tan complicado seguir estes pasos, cos cales evitaríamos desgrazas que non teñen amaño. Toda morte nestas circunstancias é unha catástrofe, individual, familiar e colectiva. Por todo, o sector ten que tomar conciencia da perigosidade que conleva manexar os residuos como son os xurros, que ademáis son altamente contaminantes para o medio ambiente. O tratamento dos mesmos ten que ser unha prioridade. O problema aumenta coa utilización de lodos que proveñen de estacións depuradoras como fertilizantes. Unha auténtica bomba se non existe un rigor extremo nas fases de tratado, traslado e depósito. A proba tivémola semanas atrás nunha parroquia vilalvesa, coa intoxicación de tres membros dunha unidade familiar que, milagreiramente, salvaron a vida.
En definitiva, unha ameaza, certo, pero que se pode converter en oportunidade, como acontece en áreas agrícolas avanzadas doutros países europeos –e excepcionalmente aquí en Galicia-, onde estes inevitables residuos que xera o gando son procesados e comercializados como fertilizantes ou tamén para a produción de enerxía para o auto consumo, co considerable aforro que suporía para as empresas gandeiras.
Estamos a falar de modernización, progreso, salubridade, seguridade no traballo, rendibilidade económica, protección do medio … Varios conceptos que non son en absoluto excluíntes. Ou cando menos, non deberían selo.