Rouco pide á Xunta que a súa aposta pola mobilidade inclúa a estación de autobuses de Vilalba

TerraChaXa
O Concello de Vilalba confía en que a nova Estratexia Galega de Mobilidade, aprobada o luns polo Consello de Xunta e que estará dotada de 420 millóns de euros, inclúa a posta a punto da estación de autobuses da vila.
estacion autobuses vilalba
9 Maio 2024

O Concello de Vilalba confía en que a nova Estratexia Galega de Mobilidade, aprobada o luns polo Consello de Xunta e que estará dotada de 420 millóns de euros, inclúa a posta a punto da estación de autobuses da vila.

“Escoitando ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, parece que a aposta polo transporte público será forte”, asegura a alcaldesa, Marta Rouco, que lembra “o estado de abandono no que está a estación de autobuses de Vilalba”.

“Somos un concello cabeceira de comarca e estamos nunha situación xeografica que fai necesario que a nosa estación se acondicione, os nosos veciños e veciñas non merecen unha estación de autobuses pechada e nas condicións nas que está actualmente”, engade Rouco.

A alcaldesa pide unha renovación integral da estación e, mentres tanto, “os usuarios necesitan contar cuns servizos mínimos, como un lugar onde esperar en condicións e non agardar á intemperie, e tamén uns baños que poidan utilizar”.

A alcaldesa esixe que a Administración autonómica lle dea unha solución ao problema “dunha vez por todas” e poña enriba da mesa a proposta que merecen os veciños e veciñas de Vilalba. Polo de agora, o Goberno galego só indicou hai máis de seis meses a súa intención de construír un apeadeiro, “un plantexamento co que non estamos de acordo”.

A alcaldesa confía en reunirse pronto co conselleiro encargado da Mobilidade no novo goberno da Xunta, Diego Calvo, e co director Xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, ao que xa se lle solicitaron numerosas reunións.

0.19570183753967