Rouco pide á Xunta que inclúa nos orzamentos as principais demandas dos vilalbeses
A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, confía en que os orzamentos autonómicos para o ano 2025 da Xunta de Galicia, que se coñecerán nos próximos días, “sexan sensibles ás necesidades dos nosos veciños e veciñas, atendendo as principais demandas do concello”.
“A realidade é que desde 2019 Vilalba non recibiu nin un só euro en investimentos reais por parte da Xunta de Galicia nos orzamentos autonómicos, a Xunta tan só achega as partidas e subvencións ás que temos dereito como os demais concellos galegos”, sostén.
En palabras da alcaldesa, “o compromiso co noso concello, que é cabeceira de comarca, demóstrase con feitos e investimentos, con partidas orzamentarias para desbloquear a situación da estación de autobuses, impulsar o proxecto dun centro de día ou para aumentar o financiamento do Servizo de Axuda no Fogar”.
Como outras alcaldesas e alcaldes galegos, Marca Rouco está pendente de que pasará finalmente coa subida do canon de Sogama e lembra, “como comentei hai uns días, que a Xunta non cumpre a normativa ao non destinar parte da recadación do recibo da auga a mellorar as infraestruturas hidráulicas de Vilalba”.
“Só pedimos ser tratados en igualdade de condicións que outros concellos máis pequenos que Vilalba e con menos poboación, pero nos que a Xunta abre centros de día, residencias e outras infraestruturas públicas”, remata.