Rouco reclama á Xunta que devolva o 80 % do recadado co canon da auga en Vilalba

Os socialistas de Vilalba levan ao pleno municipal deste xoves unha moción na que demandan á Xunta “un sistema público, regulado e transparente de distribución do canon da auga, baseado en criterios obxectivos e verificables”.
“Entre os anos 2012 e 2025, a Xunta ingresou dous millóns de euros desde Vilalba polo canon e só investiu no noso concello 14.000 euros a través dunha subvención”, lembra Marta Rouco, alcaldesa e secretaria xeral da Agrupación Socialista local.
O PSOE reclama que “como mínimo, o Concello de Vilalba reciba o 80% desta recadación en investimentos relacionados coa mellora da eficiencia e da sostibilidade do ciclo da auga”.
No texto da moción, os socialistas lembran que “o canon da auga é un tributo recadado a través dos concellos, que actúan como entidades colaboradoras na súa cobranza, asumindo unha función que na práctica os converte en intermediarios ante a cidadanía”.
O PSOE advirte de que “existen municipios que, a pesar de realizar unha elevada achega recadadora, non teñen recibido investimentos significativos con cargo a estes canons, mentres que outros territorios contan cunha presenza reiterada de convenios e actuacións financiadas pola Xunta”.
Os socialistas piden “un informe anual público, detallado e desagregado por concellos da distribución da recadación; temos que garantir que a asignación de recursos non estea condicionada por criterios partidistas nin por afinidades políticas, senón exclusivamente por parámetros técnicos, ambientais e de necesidade obxectiva”, remata o PSOE.
A segunda moción do PSOE reclama á Consellería de Educación que permita a matrícula no primeiro curso do Ciclo de Grao Básico de Informática de Oficina no IES Lois Peña Novo.
Os socialistas de Vilalba censuran “o comportamento da Consellería de Educación e nomeadamente do seu conselleiro, Román Rodríguez”, e solicitan que “de xeito excepcional, e no presente curso escolar, se permita a matricula no primeiro curso do citado ciclo de informática”.