Roupar celebrará o próximo venres a recuperada Festa dos Callos e o Festival Folk

TerraChaXa
A parroquia inicia así as festas na honra a San Estevo, que se prolongarán ata o domingo
festa-do-ramo-xiii-festa-dos-callos-xove_img7342n2t0
10 May 2026

A parroquia de Roupar, no concello de Xermade, celebrará entre os días 15 e 17 de maio as festas na honra a San Estevo cun programa que combinará gastronomía, música tradicional, verbenas e actos relixiosos.

A programación arrancará o 15 de maio coa recuperación da Festa dos Callos, que dará comezo ás 21.30 horas. A continuación celebrarase o III Festival Folk, no que participarán As Cantareiras da Tallería e Axóuxere, ambos de Roupar, Cantareiras Agueirada da Acea de Cabreiros, No Cómbaro das Pontes e Andrade de Vilalba.

Os tíckets para as racións de callos venderanse previamente pola directiva organizadora e no restaurante Ares, cun prezo de 14 euros. A venda estará dispoñible ata o martes 12 de maio.

O día 16 de maio haberá sesión vermú a partir das 14.00 horas amenizada polo dúo Eichevai. Pola noite, desde as 23.00 horas, celebrarase unha gran verbena co Grupo Fusión.

As festas rematarán o 17 de maio cunha misa solemne e procesión ás 13.30 horas. Posteriormente, ás 14.00 horas, terá lugar unha nova sesión vermú amenizada polo dúo Dilema.

A celebración conta coa colaboración de diferentes empresas e entidades da contorna, así como da Deputación de Lugo e do Concello de Xermade.

0.080142021179199