Rueda anuncia nunha visita a Sotavento unha lei de aproveitamento dos recursos naturais

TerraChaXa
Rueda anunciou unha lei para que os beneficios do aproveitamento dos recursos naturais galegos se reinvistan en Galicia en Sotavento.
visita rueda sotavento
22 Mar 2023

O Consello da Xunta ten previsto dar este xoves o primeiro paso para a tramitación da normativa sobre a que se sentarán as bases para a futura creación dunha sociedade público-privada.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou unha lei para que os beneficios do aproveitamento dos recursos naturais galegos se reinvistan en Galicia. O titular do Goberno galego anunciouno nunha visita ás instalacións do Parque Eólico Experimental de Sotavento, na que tamén avanzou a futura creación dunha sociedade coa que Galicia asumirá un papel protagonista na transición enerxética.

O titular do Goberno galego, acompañado do vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, recordou que Galicia ten un potencial incalculable para estar no centro da transición enerxética que vai vivir Europa, porque conta cos recursos, a situación xeográfica, a convicción e a estabilidade política necesaria para ser un referente do proceso de cambio enerxético que definirá o futuro do continente. Alfonso Rueda subliñou que a transición enerxética debe aglutinar ao conxunto da sociedade, tendo en conta que a riqueza dos recursos naturais de Galicia é patrimonio de todos os galegos.

Partindo desa filosofía, a Xunta vén de tomar unha decisión pioneira para garantir que a sociedade galega no seu conxunto asuma un papel protagonista na transición enerxética, coa previsión de aprobar no Consello da Xunta deste xoves o inicio da tramitación dunha lei que sentará o marco normativo para a creación dunha sociedade coa que asumirá esa participación directa, xunto con outros socios, e que permitirá velar para que o rendemento económico dos recursos naturais de Galicia se reinvista en Galicia.

O titular do Goberno galego explicou que se trataría dunha sociedade que seguiría o modelo do que se coñece como unha utility, unha compañía na que participaría a Xunta de Galicia xunto con outros actores públicos e privados “para promover novos proxectos en enerxías renovables cunha clara intencionalidade para que parte dos beneficios que se xeren teñan un impacto directo en toda Galicia, e especialmente nos lugares nos que se instalen”, indicou Rueda.

O mandatario galego recalcou que a Comunidade non pode perder a oportunidade que se lle presenta para ser líder na transición enerxética pero que tampouco pode deixar de velar polos seus recursos, como leva facendo xa desde hai anos co Fondo de Cooperación Ambiental, que permitiu investir máis de 100 millóns de euros en melloras nos concellos galegos a través do canon eólico.

Divulgación e concienciación

O titular do Goberno galego anunciou a creación desta lei nunha visita que realizou ao Parque Eólico Experimental de Sotavento, en Xermade (Lugo), un complexo que invitou a coñecer a todas as persoas que queiran informarse sobre as enerxías renovables e as súas vantaxes tanto para o medio ambiente como para mellorar a calidade de vida dos cidadáns. O centro foi inaugurado no ano 2001 e, desde esa data, 250.000 persoas visitaron este espazo de referencia na promoción das enerxías renovables e da eficiencia enerxética que leva a cabo un labor fundamental na divulgación e concienciación da sociedade galega.

0.17330503463745