Rueda visita unha explotación de vacún en Abadín

TerraChaXa
Rueda destacou que a Xunta investirá máis de 37 millóns de euros en axudas para promover a incorporación da mocidade ao sector agrario galego
rueda visita explotacion gando abadin5
rueda visita explotacion gando abadin5
23 jul 2022

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou onte que a Xunta investirá este ano máis de 37 millóns de euros en axudas para promover a incorporación da mocidade ao sector agrario galego e para as que, segundo informou, xa se teñen recibido 500 solicitudes.

“O futuro do noso rural está na xente nova”, remarcou o titular do Executivo galego, tras visitar en Abadín a explotación gandeira Facenda Currodeguas e Saragás, de Lidia Díaz Otero, beneficiaria hai catro anos deste tipo de axudas da Xunta para a súa granxa de vacún de carne, que vende baixo a Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega Suprema, IXP da que o presidente enxalzou a “súa calidade”.

Rueda puxo en valor a aposta polo rural que fai a xente moza, como a da explotación gandeira que hoxe visitou, porque considerou que coa súa decisión persoal de emprender e botar raíces nas aldeas e vilas axudan a afianzar poboación e a dinamizar a economía da zona grazas aos seus proxectos empresariais.

O presidente do Goberno galego lembrou que desde sempre o sector primario é unha actividade cun peso importante na economía de Galicia, que conta co apoio da Xunta para axudar a contribuír a que “cada vez máis” a mocidade se asente e faga do rural o seu modo de vida. Neste senso, salientou que a última convocatoria resolta de 2020 para a incentivar a incorporación da xente nova ao agro tivo como resultado que 280 mozos e mozas comezasen a traballar no sector agrario.

O titular do Executivo galego defendeu este tipo de axudas para seguir contribuíndo á remuda xeracional e amosou a satisfacción por que aumente o interese da mocidade galega polo agro.

Ademais destas axudas, o Executivo galego conta con iniciativas para dotar o rural de todos os servizos necesarios para mellorar a calidade de vida da súa poboación, entre as que puxo como exemplo o programa Coidados Porta a Porta, o servizo de biblioteca móbil, a rede de casas niño para facilitar a conciliación ou o desconto nos billetes de autobús interurbano, aprobado onte no Consello da Xunta.