Ruindade
Por Pablo Veiga
O córrenselle a un moreas de cualificativos con parecido significado, malo por descontado, para referírmonos á trama que, supostamente –sempre cómpre utilizar este termo- , estaban levando a cabo as donas dunha empresa de axuda domiciliaria na nosa provincia. Resulta que, segundo as investigacións das forzas da orde, había un grupo de mulleres inmigrantes nunha situación de irregularidade que estaban a prestar as funcións de coidadoras ou empregadas de fogar sen existir unha relación contractual entre elas e a compañía que contrataba os servizos coas familias ás que atendían.
Cando lemos novas coma esta, é inevitable que nos invada unha sensación de pena e desacougo. Primeiro, polas características de especial vulnerabilidade desas mulleres chegadas alén das nosas fronteiras e que deixaron o seu entorno habitual para viren acó co obxectivo de mellorar o nivel de vida delas mesmas e dos seus. Aproveitarse desa debilidade semella un déficit importante de moral, ademáis dun abuso contra outras persoas que parten dunha situación polo xeral moi precaria. En segundo termo, doe que este tipo de prácticas se podan estar cometendo nun sector que é un auténtico xacemento de emprego, cunha demanda en contínuo aumento, como é todo o relacionado coa prestación de coidados na casa nas que residen persoas maiores ou en situación de dependencia. Nos últimos anos, o incremento do avellantamento da poboación levou consigo que desde os concellos se estean a prestar servizos de axuda no fogar cada vez con maior intensidade, onde a finalidade é que esa persoa atendida poda seguir vivindo no seu medio con garantías. Así mesmo, de forma privada, as familias tamén recorren a fórmulas parecidas con idéntica intención. De aí que xurdisen entidades privadas que se dedican a este tipo de actividade, as cales ocupan a centos de mulleres –masivamente é o sexo feminino o que traballa no sector-, ó longo do País, resultando que en moitos concellos da Galicia Rural, a empresa responsable de prestar o servizo de axuda no fogar sexa unha da que ten máis empregados ten no municipio onde están a traballar. É evidente que non estamos a falar dun tema secundario, xa que por unha parte atinxe á dignidade e calidade de vida das persoas atendidas e das súas unidades familiares, e pola outra, como sinalamos, supón unha fonte de emprego considerable na zona.
Cómpre que estas presuntas actuacións cheas de ruindade e de falta de escrúpulos por aqueles que as cometen, sexan destapadas e postas ante quen corresponda para que non se repitan. Apelemos entón ás administracións públicas que externalizando o servizo de axuda no fogar, contratan unha empresa, para que velen pola correcta relación laboral desas auxiliares que atenden os beneficiarios nas súas propias casas. E semellante chamamento deberiamos facer ás familias que pola súa conta acuden a estas entidades. Deste xeito evitaríanse circunstancias de explotación como a que está a ser investigada, ademáis de favorecer a profesionalidade e bo facer dunha iniciativa empresarial tan necesaria nos tempos actuais e, moi probablemente, tamén no futuro.