'Saberes do Monte' bota a andar para impulsar a conservación e o desenvolvemento sostible

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
O proxecto desenvolverase ata 2028 en áreas piloto como Os Ancares, O Courel, Negueira de Muñiz ou a Serra do Xistral, combinando a protección da biodiversidade co apoio ás actividades tradicionais do rural
presentación-Saberes-do-Monte-Lugo
22 Jul 2026

A sede da Deputación Provincial de Lugo acolleu a presentación oficial de Saberes do Monte, un proxecto que durante os vindeiros dous anos e medio promoverá a conservación da biodiversidade e o desenvolvemento sostible en cinco áreas piloto de Galicia. O acto reuniu a preto de 70 representantes das entidades socias, institucións colaboradoras, comunidades de montes, empresas e persoas vinculadas aos territorios nos que se desenvolverá a iniciativa.

O consorcio responsable do proxecto está integrado pola Fundación Juana de Vega, a Universidade de Santiago de Compostela, a Universidade da Coruña e a Asociación Galega de Custodia do Territorio. Ata setembro de 2028, os seus traballos centraranse na Serra do Xistral, Negueira de Muñiz, Os Ancares, O Courel e a Serra da Groba, abranguiendo doce concellos: O Valadouro, Muras, Abadín, Ourol, Xove, Alfoz, Vilalba, Negueira de Muñiz, Cervantes, Folgoso do Courel, Oia e O Rosal.

A iniciativa conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico, a través do cofinanciamento do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), así como coa colaboración da área de Medio Rural, do Mar e Mocidade da Deputación de Lugo, Caixa Rural Galega e a Fundación Naiterra.

O proxecto aposta por combinar a conservación dos hábitats de alto valor ecolóxico co fortalecemento das actividades tradicionais que contribúen a manter vivo o territorio. Entre elas figuran a gandaría extensiva, o manexo tradicional de cabalos en liberdade, a apicultura e o ecoturismo, que se impulsarán baixo a marca colectiva Saberes do Monte. Ademais, promoveranse acordos de custodia do territorio, actuacións de restauración ecolóxica e novos mecanismos de financiamento destinados a recoñecer os beneficios ambientais e sociais que xeran as persoas que coidan o monte.

Na apertura da xornada, as entidades promotoras coincidiron en defender un modelo de conservación baseado na colaboración entre administracións, comunidade científica e poboación local.

Na benvida institucional, a deputada de Cultura, Patrimonio Histórico Artístico, Normalización Lingüística e Memoria Histórica, Iria Castro, destacou a conexión do proxecto coas políticas de apoio ao rural impulsadas pola Deputación de Lugo e puxo en valor unha marca colectiva que, segundo indicou, permitirá recoñecer non só produtos agroalimentarios, senón tamén formas de xestión e modos de vida ligados ao territorio e ao coñecemento acumulado durante xeracións.

Pola súa banda, o director da Fundación Juana de Vega, José Manuel Andrade, subliñou que os hábitats de maior valor ecolóxico existen grazas ás persoas que durante décadas desenvolveron actividades tradicionais no monte, polo que considerou que un dos principais valores de Saberes do Monte é situar ese coñecemento e aos seus protagonistas no centro da conservación.

Tamén interveu o director comercial de Caixa Rural Galega, José Manuel López, quen asegurou que a entidade decidiu sumarse ao proxecto por compartir o seu compromiso cun rural vivo e cunha xestión sostible do territorio, destacando ademais a importancia da colaboración entre entidades para impulsar iniciativas con beneficios ambientais, sociais e económicos.

A continuación, representantes das entidades socias presentaron os antecedentes, os obxectivos e as principais liñas de actuación do proxecto, antes de dar paso a unha mesa na que participaron persoas vinculadas aos cinco territorios piloto. Os representantes das comunidades locais coincidiron en destacar que este tipo de iniciativas facilitan o acceso a coñecemento técnico e favorecen a creación de redes de colaboración que contribúen a fortalecer a xestión sostible do territorio.

Tras a súa presentación oficial, Saberes do Monte iniciará as primeiras actuacións previstas nas cinco áreas piloto. Entre elas figuran a caracterización dos hábitats e dos servizos ecosistémicos, a procura de novas fórmulas de financiamento, a posta en marcha de acordos de custodia do territorio, a restauración de espazos estratéxicos e o desenvolvemento da marca colectiva, coa finalidade de contribuír á conservación da biodiversidade e ao fortalecemento dun rural vivo.

0.1403489112854