Salvemos a casa de Díaz Castro
Por Raúl Río.
O noso poeta, Xosé María Díaz Castro, nacido no 1914 na aldea do Vilariño dos Cregos, da parroquia dos Vilares, é, sen dúbida algunha, a figura mais relevante da nosa parroquia e do concello de Guitiriz, pois foi el quen puxo esta parroquia e o seu concello no mapa mundial e hoxe, quen queira saber onde naceu un dos mellores poetas galegos da posguerra ten que pousar o dedo encima desa parroquia do concello guitiricense.
Este feito é unha honra para os seus veciños, que debemos poñer en valor todos os habitantes do concello e a propia institución municipal. Temos moitos exemplos de que merece a pena darlle valor ás casas dos poetas, como a de Manuel María e Uxío Novoneyra, atraendo xente doutros lugares para visitar esas terras. Ademais, O Vilariño dos Cregos, que o poeta consideraba o seu paraíso, ten o valor engadido de ser un lugar encantador de tres casas, que no seu tempo foron as mellores da parroquia; con unha pequena ermida e unha paz, harmonía e beleza difíciles de superar. Trátase dun lugar propicio para que acudan as musas e a inspiración artística; unha aldea tan encantadora que non é de estrañar que o propio Díaz Catro dixera: “Cando eu esteña sobras árbores,/ sobros páxaros i as estrelas,/ pediréi a Deus algunhas tardes/ me descolgue sobor da terra/ para volver percorreros/ vellos camiños da miña aldea”.
A Asociación Cultural Xermolos, propietaria desa casa, e o IES Poeta Díaz Castro de Guitiriz, son testemuñas do elevado número de solicitudes de institutos de toda Galiza para poder visitar o lugar, que hoxe non se atopa nas condicións necesarias polo perigo que supoñen os pallares e a veciña casa de Coira, en estado ruinoso e sen ningunha protección que delimite o seguro do inseguro, polo que o concello debería tomar cartas nese asunto, obrigando aos propietarios poñer os medios necesarios para evitar eses perigos.
Xermolos está disposta a convertela nunha “Casa da Xente”, da que poidamos desfrutar todos e todas; onde se organicen actos culturais, charlas e conferencias para a xente dos Vilares e as que veñan de fora, con un pequeno museo e lugar de interpretación onde depositar todo o material sobre o poeta que recuperou Alfonso Blanco e os mobles que había na casa, que sacou de alí no 2015 para que non se deterioraran; unha pequena sala de cine e incluso unha habitación e cociña, por si algún escritor ou artista plástico quere botar un tempo naquel remanso de paz e apartarse do mundanal ruído, no que todo son presas e nin sequera nos deixa tempo para pensar.
Cómpre recuperar esa casa antes de que sexa demasiado tarde, pois estase deteriorando irremediablemente a pasos axigantados debido á práctica desaparición do lousado.
Xa sei que nos Vilares tamén queremos recuperar a escola habaneira da Conchada, utilizada hoxe pola Asociación de Veciños e polos comuneiros do monte, pero unha cousa non quita a outra e, neste caso, o gasto necesario é mínimo, pois o lousado está en boas condicións e so necesita pintala por dentro, quitarlle o recebo de fóra para deixar á vista as pedras que arrincou meu avó no Monte do Viso e poñerlle unhas portas e fiestras novas para que non entren os ratos nin o frío, pois as actuais xa cumpriron o seu centenario o ano pasado e están moi deterioradas. Ademais, ese lugar é apropiado para un centro de día ou un centro de ocio onde se poidan divertir e pasar o tempo os nosos maiores, actividades totalmente diferentes ás que pensamos desenrolar na aldea do Vilariño dos Cregos.
O noso poeta foi tamén un home que mirou pola súa comarca natal e seguro que moitos veciños e veciñas dos Vilares e das parroquias derredor non saiban que Díaz Castro foi, polas súas influencias nos ministerios, quen conseguiu en Madrid os correspondentes papeis e permisos para que o seu veciño do Vilariño, Antonio Castro Carballeira, puidera traer a luz eléctrica á comarca e deixáramos así os candis de gas que cando era neno tantas veces me queimaron o pelo mentres estudaba.
Por iso temos que solicitarlle ao Concello de Guitiriz, á Deputación de Lugo e á Xunta de Galiza que se poñan de acordo entre si e, coa axuda económica que poida aportar a Asociación Veciñal de Montes, non deixemos caer a casa natal dun dos poetas mais grandes da literatura galega contemporánea, non pola cantidade da súa obra, senón pola gran calidade dos seus poemas.
É o mínimo que lle debemos ao poeta todas as galegas e galegos e aquelas institucións que teñan un mínimo de sensibilidade coa nosa cultura e un pouco de amor polo noso pobo.
Nós seguiremos loitando ata conseguilo, para que Díaz Castro poida percorrer ledamente os vellos camiños da súa aldea que tantas veces andei con el e coa súa dona.