San Lourenzo de Árbol celebrará as súas festas esta fin de semana cun programa cheo de música e tradición

A parroquia de San Lourenzo de Árbol, no concello de Vilalba, celebrará o 8 e 9 as súas festas patronais cun amplo programa no que non faltarán os actos relixiosos, a música tradicional e as grandes verbenas.
A programación comezará o sábado 8 coa misa solemne ás 13.30 horas, seguida da procesión, que estará amenizada polo grupo Cerna de Árbol. A continuación terá lugar a sesión vermú coa actuación de JB Son. Pola noite, a celebración continuará cunha gran verbena protagonizada por JB Son e o grupo París de Noia, unha das formacións máis recoñecidas do panorama musical galego.
O domingo 9 volverá celebrarse a misa solemne ás 13.30 horas, seguida da procesión, tamén acompañada musicalmente por Cerna de Árbol. A sesión vermú dará paso á última xornada festiva, que rematará pola noite cunha verbena amenizada pola Orquestra Stereo.
A comisión organizadora anima á veciñanza e aos visitantes a participar nunhas festas que combinan a tradición relixiosa co lecer e a música en directo, nunha fin de semana que promete reunir a centos de persoas en San Lourenzo de Árbol. O evento conta, ademais, coa colaboración dun amplo número de empresas e establecementos da comarca, cuxo apoio fai posible a celebración desta nova edición das festas patronais.