“San Ramón e Santa María son desas datas que ningún vilalbés ou vilalbesa necesita apuntar na axenda”

As festas de 2026 cambian de formato este ano. Explíquenos ese cambio.
Si, este ano introducimos un pequeno cambio no formato das festas de Vilalba, e quero comezar por aclarar algo que me parece importante: entendo perfectamente a quen lle poida custar encaixar este cambio. A Praza da Constitución é o lugar no que tradicionalmente se celebraron as verbenas de Vilalba e ten un valor emocional evidente. De feito, se non existisen as circunstancias que nos levan a tomar esta decisión, eu tamén preferiría mantelas na praza. Pero non cambiamos de sitio as verbenas porque nos guste máis o Campo da Feira nin porque queiramos cambiar unha tradición porque si. Non é un capricho. As orquestras de hoxe teñen montaxes cada vez maiores e máis complexas e xa non resulta posible encaixar dúas formacións de primeiro nivel na Praza da Constitución con todas as garantías de seguridade. Ademais, nos últimos anos estabamos vivindo unha situación pouco adecuada: mentres a xente aínda desfrutaba do vermú, comezaban na praza as montaxes dos escenarios para a verbena. Iso supón riscos tanto para os traballadores como para as persoas que están desfrutando das festas. Por iso buscamos unha fórmula que nos permita manter o que queremos conservar e cambiar só o que necesitamos cambiar: as vermús e o tardeo continúan na Praza da Constitución, e as verbenas pasan ao Campo da Feira, onde temos máis espazo e máis seguridade. E hai outra razón importante: o tempo. Se chove, no Campo da Feira podemos instalar unha carpa e garantir a verbena; na praza non temos esa posibilidade. Creo que debemos darnos a oportunidade de probalo. Non estamos cambiando unha tradición porque si; estamos intentando que a tradición poida seguir desfrutándose con seguridade, con boas orquestras e pase o que pase co tempo.
Entendo que se presenta un programa unificado con propostas dos dous grupos de goberno.
Si, un Goberno unido, traballando xuntos por algo que tamén é de todos e todas, que son as festas de Vilalba. No acordo de Goberno, a área de Cultura ten atribuída a organización das festas, pero a realidade é que organizar unhas festas destas dimensións implica a moitísima xente, moitas áreas e moitos meses de traballo: contratacións, seguridade, loxística, montaxes,...É un traballo de tal dimensión que precisa da implicación de todo o Goberno. Detrás de cada acto, de cada festa e de cada decisión hai moitas máis horas de traballo das que se ven. E creo que iso tamén é importante que a xente o saiba: as festas que se desfrutan durante uns días levan detrás moitos meses de traballo de moitas persoas. E este ano quixemos facelo así: todos implicados e todos empurrando na mesma dirección.
Mantéñense os clásicos? Día da bici, xiras, concertos….
Por suposto, as nosas patronais perderían a súas esencia se faltan os clásicos. Mantemos a xira dos maiores, a xira campestre, os días infantís, a festa da bicicleta, algún concerto que se intercala coas actuacións das orquestras; o de sempre nunca pode faltar.
Canto tempo se leva traballando no programa?
Practicamente dende que remataron as festas do ano pasado. En setembro xa empezamos a pensar nas seguintes. Ás veces vemos o programa das festas e parece que simplemente hai unha lista de actividades, pero detrás hai moitos meses de traballo. Hai que buscar propostas, falar con artistas e empresas, cadrar datas, orzamentos, espazos, permisos, seguridade...e, sobre todo, intentar que o resultado final teña sentido como conxunto. Porque as festas de Vilalba son moitos días e moitas actividades diferentes, e queremos que haxa propostas para públicos distintos, pero tamén que teñan unha identidade propia. Así que si, as festas comezan moito antes de agosto. E probablemente esa sexa unha das partes menos visibles do traballo municipal: cando a xente aínda está desfrutando das festas, nós xa estamos empezando a pensar nas seguintes.
Como se escolleu ao autor do cartel?
Buscamos manter unha aposta que para nós é importante: dar espazo ao talento local. Neste caso, a concelleira de Cultura propuxo a Antón Luis Guntín, un artista vilalbés que coñece moi ben as nosas festas porque tamén as viviu e as sente como parte da súa propia historia. E creo que iso se nota no resultado. O cartel consegue transmitir moi ben esa mestura de tradición, alegría e identidade que teñen os San Ramón e Santa María.

Dase relevancia aos artistas locais para as festas?
Por suposto. Para nós os artistas locais non son un complemento das festas, forman parte delas. Xa o comentabamos co cartel, pero este ano esa aposta está presente en moitos momentos do programa: temos a Dani Veiga como pregoeiro, que ademais é director da Banda de Música de Vilalba; os grupos de música tradicional nos pasarrúas; artistas locais nas sesións dos venres da Xira, como vimos facendo nos últimos anos; e tamén formacións musicais vilalbesas que estarán presentes nas sesións vermú e nas verbenas, como Dúo Estrellas ou Marcos Peón. E creo que é importante porque non hai mellor maneira de celebrar Vilalba que contando coa xente que fai cultura e música aquí durante todo o ano. Temos moito talento na vila e queremos que tamén teña o seu espazo durante as festas.
Que se viu en Daniel Veiga para escollelo como pregoeiro?
Pois precisamente iso: un vilalbés do que podemos sentirnos orgullosos. Como o ano pasado, pensamos en persoas cunha traxectoria da que falar e que, ademais, sigan vinculadas á súa vila. Porque ás veces parece que para recoñecer o talento temos que ir lonxe, e eu creo que non hai que ir lonxe para ser profeta na nosa terra. Dani representa moi ben esa idea. Ten unha carreira profesional moi interesante, pero nunca deixou de estar ligado a Vilalba e, especialmente, á nosa Banda de Música. E creo que este ano ten ademais un significado especial: Dani representa tamén a todas as persoas que ao longo dos anos estiveron e están na nosa Banda, que é unha parte fundamental da nosa historia musical.
Ademais, hai unha coincidencia moi bonita: o autor do cartel, Antón Luis Guntín, e o pregoeiro están unidos por unha relación familiar. Dúas persoas da mesma vila, con talento, creando xuntos dalgún xeito a imaxe e a voz das nosas festas. Creo que iso di moito da riqueza humana e do talento que temos en Vilalba.
Que significado teñen as festas para Vilalba?
Teñen unha importancia enorme, e non só porque sexan días de festa. San Ramón e Santa María son desas datas que ningún vilalbés ou vilalbesa necesita apuntar na axenda: volve xente que vive fóra, hai reencontros, familias que se xuntan e moita actividade na vila.
E hai tamén unha parte moi importante: as festas xeran economía. Hai máis xente nas rúas, máis consumo na hostalaría e máis actividade no comercio, non só durante os días grandes, senón tamén nas semanas anteriores. Para os nosos negocios son unhas datas importantes. Así que as festas teñen esa dobre dimensión, non só enchen as rúas senón que tamén enchen de actividade os nosos negocios.
Que expectativas hai de visitantes e participantes?
As expectativas son boas. Esperamos que moita xente se anime a achegarse a Vilalba e desfrutar das festas con nós. Agora só lle pedimos unha cousa ao ceo: que nos respecte o tempo. Porque se temos boa meteoroloxía, estou segura de que imos ter a nosa vila con moita actividade e ateigada de xente desfrutando das nosas festas.