Sánchez anuncia a paralización das actividades non esenciais

TerraChaXa
O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, anunciou este sábado a paralización de todas as actividades non esenciais desde o luns 30 de marzo e ata o xoves 9 de abril, ambos inclusive.
28032020_Comparecencia5
28 Mar 2020

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, anunciou este sábado a paralización de todas as actividades non esenciais desde o luns 30 de marzo e ata o xoves 9 de abril, ambos inclusive.

Todos os traballadores que non desempeñen servizos básicos deberán quedarse na casa as próximas dúas semanas. Segundo indicou, percibirán un permiso retribuído "recuperable" durante todo o tempo. É dicir, recibirán o seu salario con normalidade. Desta forma, non terán que desprazarse aos seus centros de traballo.

Nunha comparecencia telemática desde A Moncloa, o xefe do Executivo dixo que se trata dunha medida excepcional coa que se pretenden reducir as posibilidades de contaxio do coronavirus. Así mesmo, explicou que será despois, cando pase este período de cesamento de actividade, cando deberán recuperar as horas de traballo non prestadas de maneira paulatina e espaciada no tempo.

Sánchez deixou claro que as actividades consideradas esenciais, como a produción agrícola ou o abastecemento de produtos alimentarios ou farmacéuticos, así como toda a sanidade, continuarán co seu labor ordinario como ata o de agora, así como os medios de comunicación.

Segundo o borrador da orde ministerial, son consdierados esenciais os traballos agrícolas, a gandería, a silvicultura, serradoiros, a pesca e acuicultura e a industria alimentaria. Ao lado da produción fabril tamén seguirían abertos os talleres de calzado e téxtiles —agás se producen pezas de vestir—; as plantas de papel e cartón; papel de uso hixiénico, doméstico e sanitario, e a industria química e farmacéutica. Na lista tamén figuran os fabricantes de envases e embalaxes de plástico; de produtos de caucho; de placas, follas, tubos e perfís plásticos; ademais de vidro e equipos e subministracións médicos e odontolóxicos.

O Goberno considera, así mesmo, que son estratéxicos para que o país non se bloquee os talleres de reparación de maquinaria, equipo e produtos metálicos e os que se dedican a arranxar material sanitario, cirúrxico e veterinario, coches, aeronaves, trens. Na orde tamén se menciona aos servizos de mantemento e limpeza que son claves para o normal funcionamento do resto de actividades básicas, así como os de loxística. Tampouco pararían os servizos de guindastre e asistencia na estrada; a subministración de pezas e pneumáticos; ferraxerías, tendas de electricidade, electrónica, de pinturas e tinguiduras.

Á marxe da consideración de actividade esencial quedaría a construción.

0.16270995140076