Sancovade celebra este sábado o III Serán do Magosto con música tradicional, castañas e callos

A parroquia de Sancovade, en Vilalba, celebrará este sábado, 14 de novembro, a terceira edición do Serán do Magosto, unha cita que combinará música tradicional, gastronomía e convivencia veciñal. A festa dará comezo ás 20.00 horas e contará coa participación de varios grupos musicais.
O encontro reunirá sobre o escenario a Batifoula, Cerna de Árbol, Roger & Bernard, Espera que vou mexar e Árdelle o Eixo, que poñerán o ritmo a unha noite na que a música da terra será unha das grandes protagonistas.
Ademais das actuacións, as persoas asistentes poderán desfrutar de castañas e callos, nunha celebración que busca manter vivas as tradicións populares galegas e ofrecer un espazo de encontro para veciños e visitantes.
O III Serán do Magosto está organizado pola Asociación de Veciños Santiago de Sancovade e Árdelle o Eixo, coa colaboración do Concello de Vilalba e da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a través da área de Cultura.
A entrada terá un prezo de cinco euros para os socios e de dez euros para as persoas que non pertenzan á asociación.