Santa María de Bretoña
Por Miriam Fernández
O Concello da Pastoriza, situado no extremo nororiental da Comarca da Terra Chá, posúe unha historia que enraíza coa chaira dende épocas remotas ata a súa conformación coma Concello, creando una xenealoxía propia e compartida da comarca ata os nosos días. Este feito tradúcese na presenza de abondosos restos de xacementos arqueolóxicos esparexidos polas distintas parroquias, como son a necrópole prehistórica de Mazoi e Lagoa (nesta última atopáronse 120 machadas da Idade do Bronce), os máis de 20 poboados de época Castrexa e Galaico-romana (ocupación entre os s. VIII a.C. - V d.C.) dos que destacan os castros de Piñeiro, Fonmiñá, das Croas ou o de Saa, un dos máis importantes da provincia. Da influenza romana achouse tamén una estela antropomorfa anepígrafe (Castro das Croas) datada entre os seculos I - III d.C.
De épocas posteriores o Concello nutrirase dunha serie de importantes acontecementos que tamén nos legarán fermosas pegada no territorio mediante igrexas, cruceiros, pazos, etc., máis non podemos deixar á marxe aqueles vinculados á parroquia de Santa María de Bretoña en tempos do Reino Suevo , feitos que subliñaron o seu nome na historia de Galicia.
Segundo os datos coñecidos, durante os séculos V e VI algúns habitantes das Illas Británicas tiveron que abandonar a súa terra natal ante o avance imparable dos anglosaxóns, fuxindo do lugar en busca dun novo asentamento. Atoparon refuxio no noroeste da Península (actual Mondoñedo e Pastoriza) e a actual Bretaña francesa, e dise que en territorio peninsular fundaron a una nova patria chamada “Britonia”, en honor á súa orixe. Segundo as hipóteses que expoñen algúns historiadores a capital desta colonia estaría na actual parroquia pastoricense de Bretoña, e, a igrexa de Santa María, estaría asentada sobre os restos dunha antiga basílica monacal do século V pertencente ó Mosteiro Máximo da diocese Bretoa, unha das trece dioceses do Reino suevo da Gallaecia.
No “Parrochiale suevum” (século VI), importante manuscrito onde se reflicte a organización administrativa e eclesiástica do Reino suevo da Gallaecia, atopamos referencia á diocese de “Britoniarum”, unha diocese non territorial, senón étnica, e a un “Monasterio Maximi, elementos que reforza a hipótese. Tamén se obtiveron noticias de diferentes bispos da colonia bretoa, Metopio, Sonna, Bela e o coñecido “Mailoc” (ou Maeloc), que aparece entre os clérigos participantes no Primeiro Concilio de Lugo (ano 569) , no Segundo Concilio de Braga (ano 572), ademais de referencias sobre a diocese en Concilios posteriores coma o de Toledo (xa baixo o dominio visigodo) e o III Concilio de Braga. Esta será a última mención antes de desaparecer trala invasión de viquingos e árabes, momento que para algúns propiciou a súa desaparición dando lugar ó traslado da sede a San Martiño de Foz e Oviedo, segundo o mandato do rei Afonso II.
A actual igrexa foi edificada durante a finais do século XVII e rematada no século XVIII, máis estivo sometida a reformas nos séculos XIX e XX como testemuñan as inscricións do interior, onde alberga retablos, imaxes e pezas orfebres relevantes. Exteriormente preséntasenos coma una nave caleada a dúas augas reforzada por contrafortes nos paramentos laterais, cunha torre campanario de pedra vista distribuída en tres corpos de forma ascendente, onde atopamos o tramo da base e a porta, as campás e o reloxo (tambor octogonal) coroado por una cúpula. Da primitiva igrexa britoniense dise que só se conserva restos dos basamentos e a talla dunha cabeza de anxo en pedra colocada sobre a porta de entrada á torre campanario. Sen poder nin refutar nin certificar cen por cen as hipóteses, os datos suxiren que por encima de todo Bretoña foi un territorio onde a historia da chaira evolucionou dunha forma especial, un lugar onde posiblemente fusionaron culturas e expresións diferentes e no cal agardamos novas investigación e achádegos que nos permitan “recuperar a memoria”.