Santa Marta de Meilán celebra este sábado o III Campionato Galego de Tripletas-Bolo en Liña

TerraChaXa
A competición dará comezo ás 09:30 horas e contará cun máximo de 24 equipos inscritos
campionato-de-tripletas-riotorto
9 May 2025

O campo de bolos de Santa Marta de Meilán, en Riotorto, acolle este sábado o III Campionato Galego de Tripletas – Bolo en Liña, organizado polo Club Cruceiro de Meilán en colaboración coa Federación Galega de Bolos. A competición dará comezo ás 09:30 horas e contará cun máximo de 24 equipos inscritos.

Cada equipo, ou tripleta, estará composto por tres xogadores, podendo ser formacións masculinas, femininas ou mixtas. A xornada comezará cunha primeira rolda na que participarán todas as tripletas.

Nesta primeira fase, cada xogador realizará tres lanzamentos, sumando os puntos acadados para o total da súa tripleta. A clasificación resultante establecerase en función da puntuación conxunta, e en caso de empate atenderase á mellor bolada individual; de persistir a igualdade, aplicarase o mesmo criterio co segundo e terceiro mellor lanzamento. Se aínda así non se resolve o empate, este decidirase por sorteo.

As oito mellores tripletas accederán directamente aos oitavos de final, mentres que as 16 restantes deberán loitar polo pase nunha rolda de desempate. As tripletas eliminadas nas semifinais xogarán un encontro para determinar o terceiro e cuarto posto.

Ao remate da competición, os tres primeiros equipos clasificados recibirán cadanseu trofeo e un agasallo.

⚙ Configurar cookies
0.19995808601379