Santaballa avanza o contido da nova edición da Feira do Indiano para reivindicar a memoria da emigración

Santaballa volverá mirar cara ao seu pasado emigrante este sábado, 12 de setembro, coa celebración da XVI Feira do Indiano e das XVI Xornadas sobre Migracións Indianas, unha cita organizada pola Asociación Cultural Amigos da Liga Santaballesa que combina actividades culturais, música, tradición e propostas para todos os públicos.
A programación arrancará ás 9.00 horas coa saída da IV Volta Ciclista á Terra Chá 2026, unha marcha organizada por Biciclistas Galegos. Ás 11.30 horas terá lugar a inauguración oficial da feira e, media hora despois, celebrarase a mesa redonda O Centro Galego: memoria e legado da galeguidade en Cuba, a cargo de Arantxa Fernández Crespo, directora da Cátedra de Galego na Universidade da Habana.
Ás 12.45 horas está prevista a inauguración da exposición Galicia Imaxinada do Consello da Cultura Galega e doutra mostra de xornais antigos da Liga Santaballesa. O acto estará acompañado pola actuación musical de Branca Villares e Pablo Pintor. Ás 13.00 horas chegará a volta ciclista e, media hora máis tarde, os asistentes poderán participar nun vermú amenizado polo cuarteto cubano Orelvis y la próxima escala.

A programación musical continuará ás 14.30 horas con Branca Villares, Pablo Pintor e a presentación do grupo Tanxedoras de Baia, de Santaballa. Ás 15.15 horas celebrarase un desfile de traxes de época aberto ao público, que contará ademais con votación popular.
Un dos momentos centrais da xornada será o xantar popular, previsto para as 15.30 horas. A organización estableceu un prezo de 35 euros, reducido a 18 euros para nenos e nenas de entre 7 e 12 anos, mentres que os menores de sete anos poderán asistir de balde.
Xa pola tarde, ás 17.00 horas haberá competicións de xogos populares e animación de rúa a cargo de Puzzle Animación, xunto coa entrega dos premios da volta ciclista e do desfile. As actuacións de Branca Villares, Pablo Pintor e as Tanxedoras de Baia completarán esta parte da programación.
A partir das 19.00 horas continuará a animación de rúa cunha exhibición de baile cubano a cargo de Adry Rumberito. Ás 19.30 horas, o cuarteto cubano Orelvis y la próxima escala será o encargado de amenizar a foliada, antes de que ás 20.30 horas se celebre a tradicional queimada popular, a cargo de Manolo Ferreiro.
A xornada rematará ás 21.00 horas cunha velada musical nocturna amenizada por Puzzle Animación, que servirá tamén para poñer o punto final ás xornadas. Ao longo do día haberá ademais diferentes actividades, artesanía, postos de venda e un posto de cócteles caribeños, entre outras propostas.
A Feira do Indiano e as Xornadas sobre Migracións Indianas buscan manter viva a memoria das persoas que emigraron e divulgar a pegada que este fenómeno deixou na historia, na cultura e na sociedade da zona. A Deputación de Lugo colaborará coa celebración cunha achega económica de 4.000 euros, contribuíndo á continuidade dunha programación que chega este ano á súa décimo sexta edición.