“Se tes o soño de chegar ao primeiro equipo, pódese conseguir”

Diego López (Vilalba, 1989) comezou xogando ao fútbol nas escolas municipais para pronto pasar ao Racing Villabés como cadete, formándose na base do equipo da súa vila. Tras uns anos no Club Deportivo Lugo, volve ao Racing para permanecer 15 tempadas consecutivas, sendo 4 anos capitán e retirándose do fútbol no club da súa vida.
Sempre soubo que quería ser futbolista?
Si, desde pequeno, como moitos nenos, gustábame xogar á pelota na casa, e no Concello de Vilalba fixeron unhas escolas deportivas, tanto de fútbol como de baloncesto, tenis, judo e outras disciplinas, e anoteime co meu irmán, que é tres anos maior ca min. Así empezamos a ir aos adestramentos no pavillón. Un ano e pico despois demos o salto ao Racing Villalbés, xa que estaban buscando xogadores da categoría benxamín para ir a un torneo a Pontedeume. No club estiven en todas as categorías inferiores, de benxamíns, alevíns, infantís e cadetes, ata o segundo ano de xuvenís. Despois, no último ano de xuvenís, fun para o Club Deportivo Lugo, onde cheguei ao equipo sénior. O Racing Villalbés deumo todo para poder formarme e aprender. Nel fixen os meus amigos, coñecín o mundo do fútbol, a disciplina e todo o que fai falta. A verdade é que estou moi contento e agradecido por toda esta oportunidade, por todo o que vivimos e por todos os grandes compañeiros e amigos cos que coincidimos. Hoxe en día sigo tendo relación coa maioría dos meus amigos grazas ao fútbol.
Como foi esa etapa no Club Deportivo Lugo?
No Club Deportivo Lugo estiven catro anos. Fichei na campaña 2007-2008, cando aínda estaba no meu último ano de xuvenís, e despois dei o salto ao primeiro equipo, onde xoguei as tempadas 2008-2009, 2009-2010 e 2010-2011. Teño moi bos recordos desa etapa e estou moi contento de ter pasado polo Lugo e de desfrutar de todo ese tempo. Xa desde o principio, aínda sendo xuvenil, comecei a entrar na dinámica do primeiro equipo, compartindo vestiario e experiencias con grandes futbolistas que xogaran en equipos importantes e que levaban toda a súa carreira no fútbol profesional. Foron anos que me serviron para coñecer un pouco mellor o que significa ser futbolista, viaxando por toda España, xogando contra grandes equipos e en grandes estadios. Por iso tamén me sinto moi orgulloso deses catro anos que pasei no Lugo. O meu último ano coincidiu coa tempada na que fomos campións de liga, outro dos grandes recordos que gardo daquela etapa e, aínda que disputamos a fase de ascenso a Segunda División, finalmente quedamos eliminados. Ao rematar o contrato, no ano 2011, eu era un rapaz novo e estaba a xogar poucos minutos, así que decidín volver ao Racing Villalbés. E ao ano seguinte o Lugo conseguiu o ascenso á Segunda División.
Volveu á sua casa, o Racing Villalbés, e permaneceu ata a súa retirada, como avalía a súa traxectoria profesional?
Cando volvín ao Racing Villabés recuperei grandes amigos e tamén coñecín novos compañeiros dos que puiden aprender. Ao chegar lembrei todo o que me ensinaran na canteira: o carácter, o orgullo de pertencer a un equipo que é unha familia. Fun pasando ano tras ano aprendendo de cada un deles, gañando experiencia e, ao mesmo tempo, transmitíndolles ese coñecemento ás novas xeracións que tamén ían chegando. A verdade é que me sinto moi orgulloso de levar estes 15 anos consecutivos no club e de poder cumprir un soño que tiña desde pequeno: ser capitán do Racing Villabés. Tamén me enche de orgullo seguir pertencendo ao club e demostrar a toda a canteira que, se che gusta o fútbol e tes o soño e a ilusión de chegar ao primeiro equipo, pódese conseguir. Ademais, puidemos desfrutar de moitos éxitos nestes últimos anos, como as fases de ascenso ou o ascenso á Segunda RFEF.
Xusto falando diso, de que éxitos se sente máis orgulloso?
A nivel individual, do que máis orgulloso estou é de chegar a ser xogador do primeiro equipo, de converterme en capitán e de ser un referente nun club que para min sempre foi un soño. Quizais ese sexa o éxito que máis orgullo me produce. Despois están os éxitos colectivos, como clasificarnos para unha fase de ascenso ou conseguir o ascenso á Segunda RFEF no ano 2023, algo que ninguén esperaba. A min parecíame algo incrible, algo que non podía suceder, e cando finalmente sucedeu, a verdade é que foi unha alegría inmensa. Esa felicidade non chegou só aos xogadores, senón tamén ás nosas familias, aos ex xogadores, aos afeccionados, aos socios e aos veciños de Vilalba que aquel día se desprazaron ata Santo Domingo de la Calzada para acompañarnos. Por iso, todos estes últimos anos nos que puidemos levar o nome do Racing Villalbés por España adiante e tamén polo resto das vilas e pobos de Galicia son, para min, os maiores éxitos que puiden vivir.
Que vantaxes ten formar parte dun club de fútbol modesto?
Nos equipos máis modestos e humildes o que consegues é un grupo de amigos e unha familia. Ao final, sénteste como na túa casa e tes esa sensación de levar toda a vida nese club. Non é só polos xogadores. Tamén están os colaboradores, os directivos e todas esas persoas que axudan ao longo do ano e que rodean o equipo. Ao final acabas colléndolles moita amizade. Hai moita xente que marcha e que, cando volve facer algunha visita ao estadio da Madalena, é sempre benvida. Sentir o orgullo de ter formado parte do Racing Villabés é do mellor que che pode pasar. Loxicamente, canto máis ascendes de categoría, máis se profesionaliza todo o deporte e alí cumpres o teu contrato como quen vai traballar e pouco máis. Aquí, pola contra, xérase un bo ambiente, búscase que todo o mundo se sinta a gusto, que estea contento e que poida desfrutar do fútbol, que ao final é para o que estamos.
Como ve o equipo de cara a esta nova tempada? Vostede seguirá ligado dalgunha forma?
Eu creo que o Racing Villabés vai facer unha boa tempada, xa que houbo bastantes fichaxes con xogadores aos que me enfrontei e que son grandes futbolistas e tamén boas persoas. Por iso penso que vai ser un bo ano. Como sempre digo, a unión e a forza do grupo son as que, ao final, fan que os éxitos cheguen tarde ou cedo. A nivel persoal, o que me quero este ano é estar tranquilo. Si que é verdade que, no que respecta a xogar ao fútbol, gustaríame polo menos facer unha pausa durante esta tempada. En canto ao futuro, non o sei. Toda persoa e todo futbolista que leva toda a vida xogando ao fútbol sente esta paixón e nunca pecha completamente as portas a volver xogar o día de mañá. Grazas a Deus hai moitas categorías e diferentes modalidades para seguir vinculado a este deporte. No Racing estou botando unha man, xa que a directiva me propuxo facer de enlace co primeiro equipo para calquera dúbida ou cuestión que poida xurdir. Estarei aí para axudar no que faga falta. Eu, como racinguista, teño que estar aí. Se non nos axudamos os da casa, é difícil que veñan de fóra a facelo. Por iso tamén me sinto orgulloso e contento de poder seguir colaborando co club, agora desde outra posición distinta á de xogador.