Seis alcaldes da Comarca de Lugo impulsan un proxecto turístico dun millón de euros
O GDR 4 Comarca de Lugo impulsa a posta en valor da enogastronomía no seu territorio elaborando un innovador e ambicioso proxecto turístico.
O presidente do GDR Comarca de Lugo e alcalde de Friol, José A. Santos, xunto co resto de representantes de concellos integrantes do mesmo, como son os alcaldes de Outeiro de Rei, Guntín, O Corgo, Castroverde e Rábade, participaron nunha reunión presencial no Concello de Friol para valorar a posibilidade de presentar un Plan de Sostibilidade Turística en Destino na próxima convocatoria prevista por Turismo de Galicia, que se centrará na Enogastronomía. A Xunta de Galicia conta con 29,3 millóns de euros de fondos Next Generation para investir en accións de cohesión que revaloricen o turismo local.
En esta primeira reunión, os rexedores analizaron a posibilidade de presentar unha candidatura conxunta para todo o territorio, valorada en case un millón de euros. Ademais, tratouse de delimitar prioridades á hora de poñer en marcha diferentes propostas turísticas que posibiliten aos visitantes acercarse desde Galicia, España, e incluso Europa, aproveitando o feito de que o Camiño Norte e o Primitivo de Santiago pasa polo territorio.
Os obxectivos xerais de este proxecto serán: integrar na oferta turística a sostibilidade ambiental, socioeconómica e territorial, e desenrolar estratexias de resiliencia fronte aos novos retos do ecosistema turístico; unha maior cohesión territorial que cree conexións entre os destinos de distintas rexións e finalmente, búscase un desenvolvemento equilibrado do potencial turístico no conxunto do territorio á vez que axuda a frear os procesos de despoboamento.
Segundo José A. Santos, Alcalde de Friol e Presidente do GDR 4 Comarca de Lugo, “o obxectivo marcado é converter o turismo nun dos principais eixes económicos do territorio, ao mesmo tempo que se fortalece a posta en valor dos produtos agroalimentarios existentes para atraer maior número de visitantes. Esperamos con este proxecto diversificar a oferta de destinos turísticos para contribuír a xerar oportunidades de emprego e actividade no rural, redistribuír a renda turística e favorecer a cohesión territorial e a desconcentración da demanda así como propiciar a desestacionalización”.