Seis concellos lucenses contarán con 585.000 euros para mellorar a eficiencia enerxética

Pol
TerraChaXa
Burela, Cervantes, Navia de Suarna, Outeiro de Rei, Pol e Portomarín beneficiaranse das actuacións en diferentes infraestruturas municipais
PP-en-Pol-2026
3 Oct 2026

Os concellos de Burela, Cervantes, Navia de Suarna, Outeiro de Rei, Pol e Portomarín contarán con un total de 585.000 euros para executar obras destinadas a mellorar a eficiencia enerxética de distintas infraestruturas municipais.

Os deputados do Partido Popular de Galicia Nicole Grueira e Enrique Barreiro puxeron en valor estes investimentos durante unha visita ás actuacións que se están realizando no municipio de Pol. En concreto, desprazáronse ata o local social situado na antiga escola parroquial de Cirio, onde se está a desenvolver unha intervención que conta cunha axuda próxima aos 98.000 euros.

Grueira cualificou a actuación como un "importante investimento" e destacou que representa un "exemplo de compromiso co noso municipio".

As obras incluídas nesta liña de axudas están destinadas a mellorar a eficiencia enerxética das instalacións municipais, reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro e contribuír á mitigación do cambio climático. Ao mesmo tempo, as intervencións permitirán mellorar as condicións das infraestruturas empregadas polos veciños.

Ademais de Pol, os outros municipios beneficiarios son Burela, Cervantes, Navia de Suarna, Outeiro de Rei e Portomarín, que poderán acometer diferentes actuacións nas súas instalacións municipais.

As axudas teñen carácter plurianual para os exercicios 2025 e 2026, foron concedidas mediante un procedemento de concorrencia competitiva e están cofinanciadas pola Unión Europea a través do programa Galicia Feder 2021-2027.

Durante a visita, os deputados populares tamén destacaron o incremento dos recursos destinados ás administracións locais. Segundo indicaron, o Fondo de Cooperación Local conta este ano cun 12% máis de fondos que no exercicio anterior.

Así mesmo, sinalaron que as distintas consellerías destinan en 2026 un total de 670 millóns de euros ás administracións locais, 30 millóns máis que no ano anterior.

0.15545082092285