Seixas, Pino e Vilapene celebrarán o 17 de maio a III Romaría de San Isidro

TerraChaXa
As persoas interesadas en participar deberán anotarse antes do 10 de maio contactando con calquera membro das directivas das asociacións
romaria-de-san-isidro
6 May 2026

As parroquias de Seixas, Pino e Vilapene acollerán o vindeiro 17 de maio a celebración da III Romaría de San Isidro, unha xornada festiva que combinará actos relixiosos, música e un xantar popular para a veciñanza.

A programación dará comezo ás 13.30 horas cunha misa oficiada polo bispo de Mondoñedo-Ferrol, Fernando García Cadiñanos. Tras o acto relixioso desenvolverase a sesión vermú, seguida do xantar popular e dunha sesión de tarde que estará amenizada polos artistas Eric Hidalgo e Lidia Sueiro.

O menú do xantar incluirá paella mixta, costela asada con patacas, sobremesa, café e licores, ademais de viño tinto Rioja crianza, viño branco Albariño, auga, refrescos e cervexas. O prezo será de 35 euros para as persoas adultas, mentres que os nenos e nenas de entre 5 e 12 anos pagarán 18 euros. Os menores de cinco anos poderán asistir de balde.

As persoas interesadas en participar deberán anotarse antes do 10 de maio contactando con calquera membro das directivas das asociacións organizadoras.

A romaría está promovida pola Asociación Veciñal O Cruceiro de San Pedro de Seixas, a Asociación Recreativa Cultural de San Martiño de Pino e a Asociación Veciñal de Vilapene.

0.11827611923218