Seixas prepárase para celebrar a quinta edición do seu Magosto Veciñal e Cultural

TerraChaXa
A organización habilitará unha carpa con calefacción para garantir a comodidade dos asistentes e avisa que o prazo para anotarse remata o domingo 8
CULLEREDO magosto (4)
4 Nov 2026

A Asociación Veciñal O Cruceiro de San Pedro de Seixas, en Cospeito, organiza a fin de semana do 14 e 15 de novembro o seu V Magosto Veciñal e Cultural, unha cita que combinará gastronomía, música, tradición e actividades culturais para todos os públicos. A programación desenvolverase arredor da xornada de magosto do sábado e dunha andaina cultural e patrimonial o domingo.

A celebración comezará o sábado 14 cunha misa ás 13.00 horas, seguida dunha sesión vermú, unha comida popular e música durante a tarde e a noite. O menú incluirá callos, costela asada con patacas, sobremesa, café, licores, viño tinto crianza da Rioxa e viño branco albariño, ademais de auga, refrescos e cervexa. Para a cea ofreceranse empanada, filloas e castañas. O prezo será de 35 euros por persoa, mentres que os menores de cinco anos poderán asistir de balde e os nenos e nenas de entre cinco e doce anos pagarán 18 euros.

A xornada estará amenizada polo Dúo Principal e contará tamén coa actuación de Amigos do Folk, unha demostración artesanal e a participación das Filloas de Muimenta. Ademais, a organización habilitará unha carpa con calefacción para garantir a comodidade dos asistentes. O prazo para anotarse remata o domingo 8.

A programación continuará o domingo cunha andaina cultural e patrimonial arredor da Torre de Braña. A saída está prevista para as 11.30 horas desde o campo da festa, mentres que o regreso será ás 12.30 horas, momento no que os participantes poderán compartir un aperitivo no mesmo lugar.

0.15810108184814