Sen acordo entre Alcoa e o comité de empresa para a suspensión da folga

TerraChaXa | AMariñaXa
Sen acordo entre Alcoa e o comité de empresa para a suspensión da folga. Os traballadores decidiron suspender a asemblea prevista para hoxe.
8 Jan 2021

A reunión entre Alcoa e o comité de empresa da planta de Cervo para tratar de avanzar nas negociacións da venda da fábrica —o que para a multinacional debe pasar pola desconvocatoria da folga indefinida— rematou sen acordo. Os representantes dos traballadores ofreceron "paz social temporal" durante sete semanas para tentar chegar a esa solución, coa sociedade estatal de participacións industriais ( Sepi) como axente disposto a funcionar como intermediador na venda da planta da Mariña a Liberty.

Con todo, a compañía, que explicou "a súa disposición para explorar de novo a venda da planta de aluminio de San Cibrao á Sepi, tal e como viñeron demandando o Goberno e os representantes dos traballadores, na medida en que a folga se desconvoque", lamenta "non lograr acadar un acordo, debido ás esixencias adicionais expostas pola representación dos traballadores".

Neste contexto, e despois da decisión da xustiza de anular o despedimento colectivo que pretendía para medio milleiro de empregados, e a imposibilidade de parar as cubas, a empresa insiste en que "sempre actuou de boa fe e está comprometida co diálogo e a transparencia para acadar o mellor acordo posible para facer fronte á situación insostible da planta de aluminio primario de San Cibrao".

Suspendida a asemblea de traballadores prevista para hoxe

Pola súa banda, o comité de empresa destaca que expuxo á multinacional suspender a folga e "paz social temporal" durante sete semanas para buscar unha solución á fábrica da Mariña. O presidente do comité, José Antonio Zan, apuntou trala reunión celebrada este xoves coa dirección da compañía, que a multinacional falou dun período de "nove meses" como prazo para atopar unha saída ao conflito.

Despois de "varias pequenas liortas", segundo Zan, os traballadores decidiron suspender a asemblea que previamente convocaran para hoxe, ao non darse as circunstancias para levala adiante. Por parte de Alcoa "conseguiuse que se movese nalgúns puntos", como "no de aceptar e recoñecer que ten que incorporar a eses ETT que había nun acordo de 2019 e que tiñan que ser xa persoal dende o 31 de decembro".

Tamén aceptou a empresa, segundo o comité, "facer un seguemento das negociacións e poder fiscalizalas" nun órgano "no que estea a Sepi". Alcoa "só senta a negociar a venda da planta de aluminio e sempre a cambio de que se desconvoque a folga", segundo subliñou José Antonio Zan. Por iso é polo que se pide que "ten que entrar a Sepi nesta negociación, un terceiro que non deu a súa opinión e é moi importante porque se están a marcar os prazos".

"Alcoa di que pode chegar a nove meses e nós dicimos que para o primeiro acordo propoñemos unha suspensión da folga e unha paz social temporal durante sete semanas. Duraría ese tempo coa vista de sacar unha saída a esta problemática e chegar a unha solución", expuxo o presidente do comité.

Pola súa banda, reclamou "reactivar o servizo de rebrascaxe das cubas" así como o " rearranque das cubas". "Queremos un acordo que dea paz social e normalidade á fábrica, pero este acordo ten que vir dentro dun proceso de venda e a Sepi ten algo que opinar", incidiu.

E é que, como sostén, "se as instalacións están ben, a Sepi dá o visto e prace" e prodúcese "esa suspensión de folga temporal" pódese "avanzar nese período de negociación" para a venda da factoría.

0.16680717468262