Serafín do Rei, o poceiro dos Vilares
Por Raúl Río.
O meu veciño, Serafín Trinidad, naceu no ano 1909 do século pasado na casa do Rei da aldea da Tiñaz, da parroquia dos Vilares de Díaz Castro e era irmán de Manuel Trinidad, mais coñecido como “O Xamoneiro de Vilalba”, que tiña o seu almacén na rúa Campo de San Xoán da capital chairega e do que xa falamos nestas páxinas.
Criouse naquela aldea tranquila e en paz, traballando o seu pequeno lugar e practicando a caza, que era a afección mais grande que tiña e tanto lle daba que fora de pelo como de pluma, aínda que debíaselle dar moito mellor a de pluma, xa que os outros cazadores alcumábano “O rei das perdices” pois seica era moi raro que se lle escapara algunha.
Nesas andaba felizmente o home, até que lles deu aos militares fascistas por levantarse contra o lexítimo Goberno da República, rematando coa tranquilidade de Serafín e coa vida de moitas persoas. Andaba daquela polos 27 anos de idade cando o chamaron os franquistas para que se presentara na Coruña e de alí metérono con outros moitos mozos nun tren militar, con destino á fronte de guerra de Toledo. No tren ía tamén o veciño dos Vilares, Cándido Piñol, fillo da vella Molina de Vilargabín, María Corral, que cando soubo que o seu fillo fora ferido, púxose ao camiño e chegou andando a Toledo a tempo para que Cándido morrera no seu regazo.
Sen embargo Serafín tivo mais sorte ao arriscar a súa vida antes, sen agardar unha morte na fronte case segura, pois ao subir a costa do Sal que está despois de Betanzos o tren seica ía moito mais amodo por aquela costa tan empinada e decidiu tirarse do tren e escapar polo monte. Non sabemos, si aproveitando esa longa costa fuxiron algúns mais ou non, porque Serafín nunca quixo falar desa época que para el era como si non existira. Era un parénteses en negro na súa vida.
Durante toda a guerra andou escapado e tivo a habilidade de esquivar á Garda Civil, que non deixou de buscalo e de preguntarlle por el a Luciano, un neno que era primo seu e que lle levaba a comida ao monte, pero Luciano nunca o descubriu e non puideron collelo, até que un día, por un descoido, topouse de fronte con unha parella de Gardas Civís e non tivo mais remedio que darlles os bos días e seguir o seu camiño coma si fora un paisano calquera. Ao primeiro os gardas non se deron conta de quen era e contestáronlle ao saúdo, pero despois un preguntoulle ao outro: E este non é Rei? Déronlle o alto e detivérono. Pero tamén lle saíu bastante ben a cousa, pois xa os fascistas gañaran a guerra, polo que foi xulgado con mais indulxencia que si non houbera rematado e a sentencia foi volver facer o servicio militar en Melilla durante outros dous anos.
Foi alí onde aprendeu cos mouros a manexar a dinamita mais a pólvora e a bailar o “chiringuai”, un baile seica moi popular en todo o Rif e que só bailaba cando o alcol facía os seus efectos, aínda que por mais que mirei no longo e recoñecido tratado de Joseba Sarrionandia, sobre a cultura árabe e amazigh do norte de África, “¿Somos como moros en la niebla?”, e noutros documentos que caeron nas miñas mans, nunca atopei ese tipo de baile.
Antes de irse para Melilla traballaba na casa de labrador e por fora de canteiro, pero, ao facerse esperto no manexo da pólvora e da dinamita, deixouse acariñar algo polos fascistas e déronlle permiso para manexar eses materiais explosivos e traballar de poceiro, barrenando rochas e arrincando pedras para facer casas, alpendres, ou simples muros.
Mercaba eses materiais na “Casa Revilla”, que estaba no fondo da praza de Santo Domingo de Lugo, onde aínda se pode ver o letreiro si non tiraron a casa, que xa fai tempo estaba en ruínas. Fixo moitos pozos por toda a contorna, algúns deles moi perigosos debido a que eran moi fondos e había que calcular ben a largura da mecha que lle debía de poñer para que lle dera tempo a saír do pozo despois de poñerlle lume e antes de que explotase.
Polo que se viu era un gran especialista, pois tamén calculaba a ollo as cantidades de dinamita necesaria para poñer en cada caso, como cando barrenou dentro da casa de Manuel de Veras, da aldea de Liñarede, para fundir mais a corte e que lle collera mais esterco, porque nunha casa de pedra, xa é sabido, que si pos mais dinamita da debida pódese esborrallar a casa. Pero, debido á súa mestría, os cálculos foron perfectos e non houbo nada que lamentar.
Rematou a súa vida laboral de enterrador e seica o anterior, Juan de Tabaco, que so cobraba 25 pesetas por cavar unha tumba, aconselloulle que non fora tirar os prezos, pensando que si os tiraba habíano ter a el por ladrón, pero Serafín díxolle que non tivera medo, porque el xa cobraba cen pesetas.
A dicir verdade era un prezo moito mais xusto.