Serafín dos Castros da Chousa Grande
Por Raúl Río
Din que o mundo é un pano, e será verdade; pero de ser así, a miña parroquia de nacemento, Os Vilares, está no centro dese pano, porque alí vivín a miña infancia, e aquela é a miña patria, que diría Rainer Maria Rilke, Agustín Fernández Paz, e o mesmo Díaz Castro, que tamén tiña idolatrado o seu Vilariño Natal. Por iso gusto de lembrar ós veciños e a aqueles personaxes que chamaron a miña atención de neno, sen ter en conta a súa condición social, senón as súas habilidades naturais e, sobre todo, a calidade humana que atesouraban, pero aos que esta sociedade, baseada no individualismo e a insolidariedade, tratou inxustamente.
Un deles foi Serafín dos Castros, que era fillo de Manuel Losada, “O Vello Castros”, de quen xa falamos o mes pasado nestas mesmas páxinas.
Serafín, ao igual que seu pai, tamén era trapeiro e tamén andaba sempre acompañado dun burro. Pero o burro de Serafín parece que era mais listo que o de seu pai, ou estaba mellor “aleccionado”, que diría Xosé M. Aznar, xa que, ademais de levarlle a carga, tamén exercía de pregoeiro, pois, cando chegaban a un pobo o burro poñíase a ornear e así a xente sabía que xa chegaran ao mesmo tempo, o trapeiro, o paraugueiro e o cerralleiro á aldea, porque de todo iso facía el.
Andaba por unha zona diferente da que recorría seu pai. El gustaba de ir pola zona de Vilalba, Mondoñedo, Ribeira de Piquín e A Fonsagrada, vendéndolle os trapos ao seu parente Manuel do Rei, da aldea da Tiñaz, que tiña o almacén na céntrica rúa Campo de San Xoán. Aínda hai xente na Ribeira de Pequín que se acorda del e do seu burro, como me ten contado o meu veciño e parente del, Xesús de Nieves da Tiñaz.
Cando ía por esas terras dicía que era de Parga, da “Laguna dos Castros, da Chousa Grande de Arriba”, pero, non sei porque motivo, lles aconsellaba as xentes por onde pasaba: “Si ides por Parga levade o pan na manga, porque os parragueses téñeno poucas veces“.
Despois, ao deixar de ir aos trapos, desfíxose tamén do burro e mercou unha bicicleta que case sempre levaba pola man, porque, cando se lle gastaron as cubertas e a súa economía non lle permitía mercar outras, púxolle unhas cordas moi gordas de esparto, amarradas con arames á lamia, e, aínda que era un home moi forte, non había quen tivera a forza suficiente para levala a pedal.
Quedou viúvo moi novo e con dous fillos moi pequenos. Non tiña un lugar de seu no que traballar, polo que gañaba a vida cos trapos e practicando os oficios de paraugueiro e cerralleiro; amañaba os paraugas poñéndolle o arame do curuto, cando se lle rompía; coséndolle un remendo de tea ou cambiándolle algunha variña.
Dábase moita maña para esas cousas, e naqueles tempos de penurias e necesidades era necesario reparar todo. O mesmo nos parcheaba a pelota que un pneumático da bicicleta; reparaba as potas e cazolas de “Esmaltaciones San Ignacio” cando se furaban e os potes grandes de ferro fundido, que se mercaban na feira de Parga, nos que se lle cocían os nabos aos cochos e a encaldada para as vacas.
Tiña un xeito moi rudimentario de facelo: Primeiro agrandáballe o burato, no caso de ser moi pequeno e non lle entraba un dos remaches que traía el. Despois collía unha lata de sardiñas e ,con unhas tesoiras de cortar chapa, facía dúas arandelas, as que lle facía un burato no medio á medida do remache. Logo facía unha masa con fariña e un pouco aceite, que poñía ás dúas partes do burato, colocando despois as arandelas, unha por dentro e outra por fora, e remachábao despois, poñendo un martelo por cada lado.
Pero aínda non remataban aí as súas actividades laborais, pois, cando ía aos trapos, ou cando botaba unha tempada na casa, tamén se dedicaba a mercar a flor da árnica e a herba da verruga que apañabamos de nenos nos prados; a casca de salgueiro e flor de sabugueiro, que logo vendía, para facer menciñas, a outros comerciantes que lle sacaban moito mais rendemento económico que el e mais que os que as apañabamos.
Serafín era un home moi pobre, pero nunca perdeu a dignidade. Nunca pediu nada a ninguén, pero si lle daban algo tamén o aceptaba con gratitude. Era unha boa persoa que nos ten aturado moitas falcatruadas que inconscientemente lle facíamos de nenos.
Vaia na súa honra este meu pequeno e mais que merecido recoñecemento.